Novas relacionadas

O Revitaliza reforza a atención personalizada e seguimento de máis de 5.750 composteiros individuais na provincia por vía telefónica

Persoal técnico da Deputación realizará dende mañá chamadas semanais aos domicilios que compostan na casa para obter datos de primeira man e achegar formación e respostas ás persoas usuarias


06 abril 2020
Carlos Pérez

"Bo día. Formo parte do equipo técnico do Revitaliza da Deputación e gustaríame falar con alguén do seu domicilio sobre o composteiro individual que ten na casa". Esa será a frase coa que comezará a chamada telefónica que semanalmente -mentres dure o confinamento- recibirán arredor de 5.750 familias que dispoñen de composteiros individuais en activo grazas ao Revitaliza, o plan de residuos provincial baseado na compostaxe. O obxectivo da Deputación é facer un seguimento e atención de todos os recipientes entregados na provincia e comprobar que o proceso de compostar se realiza correctamente.

Segundo explica o deputado responsable do Revitaliza Uxío Benítez, nas últimas semanas e debido ao aumento de estancia nos domicilios "a autocompostaxe domiciliaria, esa que nós vimos chamando ‘compostaxe individual' (COIN), ten adquirido unha máis que evidente e absolutamente incontestable relevancia". De feito, as vivendas téñense confirmado como os lugares de maior produción de residuos orgánicos fronte á situación anterior na que os produtores singulares (restaurantes, bares, cafeterías…) eran os principais xeradores.

Con este cambio de situación e dado que non é posible unha comprobación presencial do estado dos composteiros e do seu funcionamento (nivel de enchido, medido de temperatura, calidade do compost…), decidiuse modificar o plantexamento habitual de control. Se antes a información a recollía directamente a mestra composteira ou persoal de entidades colaboradoras (Adega, AdT ou FRUGA) para subila na plataforma de control do Revitaliza, agora  serán as persoas usuarias as que achegarán esa información ao persoal técnico vía telefónica. Durante ese contacto terán unha atención e directa e incluso máis frecuente coas mestras e mestres composteiros, que poderán reforzar a súa formación sobre a compostaxe en xeral e resolver as dúbidas .

"Coa atención telefónica poderemos manter a toma de datos de moitos dos COIN, e aumentamos e garantimos a presenza, dedicación, e atención que nestes momentos aporta confianza e se aprecia especialmente. Tamén axudamos á formación personalizada das persoas con COIN na casa e obtemos información de primeira man e fiábel sobre necesidades como por exemplo a provisión de estruturante ou de sonda de temperatura", subliña o asesor de residuos Carlos Pérez.

O responsable técnico do Revitaliza indica que os composteiros individuais téñense demostrado moi importantes nun momento de confinamento como o actual xa que son internos aos domicilios e permiten ás persoas usuarias xestionar o seu lixo orgánico (a meirande parte do que se xera nas casas) sen ter que saír, así como espaciar no tempo o traslado de outras fraccións como a de envases, vidro e papel aos colectores de recollida selectiva. Incluso, sinala, "nos domicilios con contaxios poderíanse atender correctamente estes residuos contribuíndo ao confinamento e limitando así o seu potencial perigo".  Pérez insiste, segundo a evidencia de diversos estudos científicos, que o proceso de compostaxe elimina os virus que puideran existir no material achegado polas temperaturas alcanzadas (sempre superiores a 50 graos e sostidas no tempo).

En canto ao persoal que se fará cargo do traballo telefónico do Revitaliza, a equipa estará formada polas traballadoras e traballadores que non forman parte dos servizos mínimos que deben atender presencialmente os centros de compostaxe comunitaria e que se manteñen en activo, unhas 25 persoas ás que se une o persoal técnico dos concellos Revitaliza e tamén o de Adega, Amigos da Terra e FRUGA.