A parroquia de Setecoros en Valga, epicentro da repartición de composteiros individuais do Revitaliza neste principio de ano

O persoal técnico da Deputación de Pontevedra e o Concello está a realizar tres charlas diarias sobre compostaxe no teleclube cunha moi boa acollida da veciñanza


12 xaneiro 2021
Plan Revitaliza en Valga

A parroquia de Setecoros en Valga está a ser o epicentro da repartición de composteiros individuais do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra neste inicio de ano. No día de hoxe realizouse a terceira xornada de entrega de composteiros  no teleclube, chegando a subministrar preto de medio cento de recipientes. Segundo asegura o persoal técnico da Deputación e do Concello a veciñanza está a responder moi ben á chamada a pesares de que o tempo non acompaña.

No día de hoxe, ao igual que xa se fixo en decembro nas parroquias de Cordeiro e Campaña, realizáronse tres reunións por día para realizar a formación sobre compostaxe. Fíxose con poucas veciñas e veciños por quenda para así cumprir coas indicacións de prevención sanitaria anti COVID-19 e que os encontros fosen máis áxiles e eficaces á hora de comunicarse coas persoas asistentes. Ademais de entregar o composteiro, o persoal do Revitaliza entregou tamén remexedores, termómetros e manuais de uso ás familias da zona, ás que se puxo a disposición no caso de que xurda calquera dúbida sobre a compostaxe.

A vindeira reunión na parroquia será o xoves día 14, para despois pasar a repartir gratuitamente os composteiros entre a veciñanza da parroquia de Valga, que conta con 339 casas. Nestes momentos xa se levan repartidos máis de medio milleiro de composteiros en todo o Concello e agárdase que a finais de mes se chegue aos 700, para cumprir o obxectivo final dos 1.300 en todo o municipio no menor prazo posible.