Meis estreará a semana próxima o seu primeiro centro de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza

Hoxe remataron a obra e a instalación na praza de España e prevese a posta en funcionamento de maneira paulatina


13 maio 2020
Novo CCC de Meis

O Concello de Meis estreará a semana próxima o seu primeiro centro de compostaxe comunitaria ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación. No día de hoxe rematouse a instalación na praza de España dun composteiro de seis módulos e o persoal técnico provincial, as mestras e mestres composteiros, iniciarán nestes días unha campaña de propaganda nas caixas de correo da veciñanza para que quen queira iniciarse na compostaxe poida facelo.

Segundo explica a técnica responsable da área, Estefanía Alfonsín, as persoas interesadas en compostar o seu lixo orgánico (restos de comida e vexetais) e que vivan no contorno do composteiro poderán participar na iniciativa de xeito inminente, tendo en conta sempre nestes momentos de confinamento todas as indicacións xerais de hixiene a causa da COVID-19 (distanciamento, utilización de máscaras, hixiene de mans…). En calquera caso, a técnica prevé un funcionamento que incorporará participantes de xeito paulatino.

Ademais da propaganda con folletos informativos nas caixas de correo que se realizará estes días tamén está previsto facer unha campaña porta a porta, xa que, polo de agora, se prefire evitar a formación de grupos de veciñas e veciños debido á crise sanitaria. Hai que lembrar que a compostaxe nos centros comunitarios do Revitaliza ten "garantía de xestión segura", xa que no proceso de compostar elimínanse todos os patóxenos existentes nos biorresiduos que se achegan debido ás importantes temperaturas que se alcanzan. De feito, considérase que este modelo de tratamento e xestión de lixo é incluso máis seguro que o ordinario dos colectores, onde o lixo permanece a temperatura ambiente.

O centro de compostaxe comunitaria de Meis será atendido polo persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación para garantir un correcto funcionamento e obter compost de boa calidade. Este encargarase de supervisar que a veciñanza realiza as achegas de lixo de maneira correcta e que este se tapa coa cantidade axeitada de estruturante, de realizar as aireacións, medidas de temperatura e transvases entre os módulos de maduración, así como de controlar moitos outros parámetros do proceso de compostaxe, e de vixiar que non se introducen no composteiro elementos que poderían baixar a calidade do futuro fertilizante.

No centro de compostaxe a veciñanza poderá depositar todos os seus restos de comida (cociñada ou crúa: carne, peixe, ovos, arroz, pasta, froita, pasta, pan…) e tamén restos vexetais (céspede acabado de cortar, plantas de todo tipo…). Unha vez depositado o lixo orgánico no caixón marcado e habilitado polas mestras e mestres composteiras é necesario tapalo con estruturante; restos leñosos secos que estarán a disposición nunha saca ou nun caixón anexo. Por último, é preciso deixar ben pechada a tapa e, no caso de utilizar unha bolsa plástica para trasladar os residuos, tirala no colector amarelo logo de baleirala dentro do CCC. Nunca se pode deixar o lixo orgánico en bolsas dentro do composteiro.

Durante a corentena decretada polo estado de alarma todos os centros de compostaxe Revitaliza estiveron activos na provincia e incluso duplicaron o número de achegas de biorresiduos da veciñanza, polo que se trata dun modelo que se está consolidando como seguro e de confianza, ademais de moito máis ecolóxico e económico.