Vilaboa, Mondariz-Balneario e O Grove, exemplos de compostaxe para toda España no I Foro Dixital sobre Compostaxe Descentralizada de ‘Composta en Rede'

Os concellos pontevedreses son dos mellor situados no Estado para cumprir a normativa europea que esixe preparar para reciclar o 50 % dos residuos neste ano 2020


04 novembro 2020

Os ‘Concellos Revitaliza' de Vilaboa, Mondariz-Balneario e O Grove servirán hoxe de exemplo para toda España no I Foro Dixital sobre Compostaxe Descentralizada organizado por ‘Composta en Rede'. As mestras e mestres compostadores da Deputación e do Concello do Grove serán os que explicarán a situación na que se atopan nestes momentos, sendo dos concellos mellor preparados para cumprir as esixencias da Unión Europea en materia de reciclaxe para este 2020 (o 50 % da bolsa do lixo).

Este foro, que vai substituír o seminario anual de Composta en Rede presencial a través de compostaenred.org, terá lugar para difundir información e compartir as experiencias que se foron acumulando no último ano. Sinalan desde a organización que os obxectivos fixados están moi lonxe de ser alcanzados, polo que é preciso mostrar "solucións posibles a este desafío, solucións economicamente viables, socialmente aceptables e ambientalmente válidas" como as que se están a dar na provincia de Pontevedra.

"A compostaxe descentralizada perfílase como unha das técnicas máis potentes á hora de reciclar parte da materia orgánica", por iso e co gallo de incentivar os proxectos de compostaxe doméstica e comunitaria, realizaranse catro sesións ao longo deste mes nas que se pretende motivar aos responsables políticos e técnicos doutras localidades españolas a incluír de proxectos de compostaxe en proximidade nas súas planificacións para a xestión de residuos.

Na xornada de hoxe pola tarde, na que participarán a técnica Estefanía Alfonsín e Agustín Vidal por parte do Revitaliza, así como as mestras compostadoras do Grove Ana Gómez e Eva Hervés, analizaranse as ‘Experiencias municipais en compostaxe en Galicia', engadindo tamén a visión do agrocompostaxe de Allariz. En vindeiras xornadas falarase das ‘Experiencias públicas de compostaxe', das ‘Solucións locais a través da compostaxe, circuíto curto' e da ‘Formación de mestres compostadores'.

No caso dos traballos feitos en Vilaboa, o técnico provincial Agustín Vidal explica que no ano 2019 tratáronse nos centros de compostaxe comunitaria unhas 162 toneladas de materia orgánica e restos vexetais, máis uns 400-600 m3 de fracción vexetal tratada no monte do Cabalo, obtendo aproximadamente 35 toneladas de compost.

Nestes momentos o Plan Revitaliza da Deputación atende en Vilaboa a 19 grandes produtores de hostalaría e industria, ten repartidos 1.186 composteiros individuais (COIN), realiza máis de 900 chamadas de seguimento e ten feitas máis de 3.900 visitas a domicilio, ademais de ter desenvolvido máis dunha trintena de eventos divulgativos, carpas, reunións, cursos, da posta en marcha dun servizo de préstamo de trituradoras e de traballar nunha nova normativa. Téñense desenvolto, así mesmo, máis de 30 actividades en centros educativos.

En canto á mellora dos ratios de separación, previamente o concello situábase por debaixo do 10 % e agora en torno ao 30 % (nun período de participación no programa de compostaxe aínda voluntario).

En Mondariz-Balneario, por outra parte, Estefanía Alfonsín explicou que hai instalados e en funcionamento sete centros de compostaxe comunitaria para uso da veciñanza e produtores singulares e que o número de composteiros individuais repartidos ata o momento é de 97 unidades. Tamén destacou que se está levando o residuo orgánico de dous grandes produtores (Hotel Balneario e colexio Marcote) e algún produtor singular que non ten centro de compostaxe próximo á planta de compostaxe de Ecocelta. Actualmente, estase facendo un estudo para a recolocación de contedores (creación de illas de reciclaxe) e posible colocación de máis contedores de fraccións reciclables. No caso das cifras de reciclaxe, é o concello mellor situado da provincia, sobrepasando amplamente o 40 % do total do lixo.