O Plan Revitaliza súmase á Festa dos Callos de Salceda de Caselas para acadar o sobresaínte en sustentabilidade

Mestras e mestres composteiros da Deputación informarán sobre compostaxe e repartirán material promocional e compost


30 agosto 2019
Festa dos Callos

O Plan Revitaliza da Deputación estará presente este domingo día 1 de setembro na XXVII Festa dos Callos de Salceda de Caselas para que o evento acade un sobresaínte en sustentabilidade. Alí, as persoas que asistan e gocen das racións de callos colaborarán tamén co medio, xa que poderán reciclar todos os restos da comida, os plásticos, o vidro e outros materiais que utilicen no seu xantar: estarán dispoñibles sete illas de reciclaxe nas que separar os distintos tipos de lixo para despois reciclalos.

O obxectivo é acadar unha festa cun 100 % de separación do lixo e animar a xente a deixar todos os residuos posibles no seu respectivo colector: os restos orgánicos (callos, pan, panos de papel e pauciños de madeira) en baldes negros que despois as mestras e mestres composteiros da Deputación levarán aos centros de compostaxe comunitaria da Devesa, Raíña Aragonta e A Gándara para producir compost; os plásticos (bolsas, pratos, cubertos e envases) deberán depositarse no colector amarelo, e o vidro, no colector verde. Tamén haberá espazos para depositar as cazolas de barro no caso de que non se queiran levar para a casa como agasallo ou recordo do evento.

Disporanse cartaces informativos por toda a carpa nos que se convide a cidadanía a colaborar na iniciativa co obxectivo de demostrar a responsabilidade e conciencia ecolóxica das persoas participantes. Esta medida daralle prestixio ambiental á celebración e converterá a festa nunha das máis sustentables da provincia.

Na Festa dos Callos de 2018 xa se fixera unha proba piloto, percibida polas persoas asistentes como unha iniciativa positiva. Daquela servíranse arredor de 2.500 racións de callos e xestionáranse preto de 300 litros de residuos orgánicos sumados aos de envases e vidro. Nesta ocasión a Deputación e o Concello de Salceda de Caselas volven colaborar coa intención de que todo o evento e a organización estea á altura.

Ademais de colaborar na implantación do sistema para a separación ao 100 % do lixo da festa, as mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación instalarán unha mesa informativa sobre compostaxe e repartirán material promocional e compost para utilizar en plantas.

Carteis 100% separación do lixo