A Deputación lanza unha nova liña de axudas para que os concellos adheridos ao Plan Revitaliza poidan contratar mestras e mestres composteiros

O vindeiro martes aprobaranse 503.603,10 euros en subvencións para financiar persoal municipal destinado a labores de compostaxe


01 novembro 2019
Plan Revitaliza

A Deputación de Pontevedra vai poñer a disposición dos concellos adheridos ao Plan Revitaliza máis mestras e mestres composteiros cos que poder desenvolver o seu modelo de xestión de lixo baseado na compostaxe. Segundo adiantou o vicepresidente, César Mosquera, a Xunta de Goberno aprobará o vindeiro martes 503.603,10 euros en axudas para contratar novo persoal que xestionará os centros de compostaxe comunitaria, revisará e controlará os composteiros individuais e atenderá e informará a cidadanía sobre a compostaxe.

Trátase da segunda vez que a Deputación lles facilita a contratación de persoal aos concellos adheridos ao Plan de compostaxe provincial, xa que na primeira convocatoria convocou axudas para contratar trece postos técnicos. Nesta ocasión, tras as consultas previas e mediante estudos de campo realizados polo persoal técnico provincial, estímase que as necesidades de persoal nos concellos quedarían cubertas cun máximo de 21 novas mestras e mestres composteiros.

Eses postos cubriranse con persoal preparado en compostaxe. Chamarase en primeiro lugar as persoas candidatas que forman parte da vixente bolsa de emprego creada no seu día para o nomeamento interino do persoal do Revitaliza pero, de xeito simultáneo, a Deputación convocará un novo proceso selectivo para crear outra bolsa de emprego.

Os concellos que soliciten as axudas para contratar mestras e mestres composteiros recibirán un número máximo de persoal traballador (entre 1 e 4) que se determinará en función da súa poboación, do seu número de unidades modulares de compostaxe e dos centros de compostaxe comunitaria en funcionamento no municipio, así como das necesidades determinadas polo grao de implantación do plan. Deste xeito, intentarase cubrir as necesidades reais de persoal de cada concello.

Ao igual que na anterior convocatoria, a Deputación subvencionará os concellos o 100 % das retribucións das mestras e mestres composteiros durante o primeiro ano. Tendo en conta os prazos para a tramitación do expediente, a subvención correspondente ao ano 2020 abarcará un período de 10 meses, polo que o importe máximo do financiamento nesa anualidade ascenderá a 503.603,10 euros. O segundo ano a Deputación farase cargo do 50 % do custo, e o terceiro ano do 30 %.

O prazo para que os concellos presenten as súas solicitudes será de dous meses, a contar desde o día seguinte á publicación das bases e do extracto no BOPPO.

Na actualidade hai un total de 43 concellos da provincia adheridos ao Plan Revitaliza. As últimas incorporacións foron as dos concellos de Marín, Cerdedo-Cotobade, Covelo, A Guarda, Poio, Portas e Vila de Cruces. Os concellos máis avanzados na implantación do modelo son Vilaboa, Pontevedra, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario e O Grove, aos que seguirán A Illa de Arousa, Poio, Tomiño e Valga, xa que en breve desenvolverán de forma progresiva o sistema de compostaxe mediante centros comunitarios e composteiros individuais.