Máis da metade das vivendas da parroquia ponteareá de Arcos, implicadas na compostaxe

Hoxe realizouse a segunda entrega de composteiros individuais entre a veciñanza e agárdase que os efectos na xeración de residuos se noten en pouco tempo


16 xaneiro 2020
Plan Revitaliza

A veciñanza da parroquia de Arcos, no Concello de Ponteareas, está a apostar pola compostaxe. Máis da metade das vivendas da freguesía dispón xa dun composteiro individual no que poder compostar o seu lixo orgánico en lugar de tiralo ao colector verde despois de que hoxe se realizase a entrega do segundo lote de recipientes que a Deputación de Pontevedra concedeu ao Concello ao abeiro do Plan Revitaliza.

A proposta do equipo técnico provincial, coa que concordou o Concello de Ponteareas, foi de escoller e focalizar os esforzos para implantar a compostaxe na parroquia de Arcos por ser un núcleo definido, rural e na que se prevé que a instalación de composteiros individuais vai ter efectos na xeración de residuos que se notarán en pouco tempo. O obxectivo é reducir as toneladas de lixo que se recollen nos colectores verdes e, polo tanto, o custo que debe pagar o Concello por enviar eses residuos a queimar a Sogama (transporte e tratamento).

Para poder implantar a compostaxe o persoal técnico da Deputación (mestras e mestres composteiros) fixeron visitas casa por casa, explicando o plan, os beneficios da compostaxe e convidando ás próximas entregas de composteiros.

Nas dúas xornadas de reparto (xoves pasado e hoxe) repartíronse uns 70 composteiros. Nas próximas semanas o persoal técnico visitarán máis vivendas para entregar o material e formar en compostaxe á veciñanza dunhas 20 casas da parroquia, por tratarse de persoas maiores ou sen posibilidade de ir a recoller o composteiro ao local onde se realizou o reparto.       

Todo o persoal técnico amosou a súa satisfacción pola boa acollida por parte da veciñanza, xa que sendo voluntaria a participación conseguiuse unha cifra moi alta de familias participantes, xa que terán composteiros máis da metade das vivendas habitadas da parroquia de Arcos.

O Concello de Ponteareas está adherido ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra desde o ano 2016. Conta cun mestre composteiro no cadro de persoal do concello desde novembro de 2018 (gracias a unha subvención da Deputación), e ten instalados dous centros de compostaxe comunitaria no núcleo da vila, un na zona de Perilla (outubro 2016) e outro na zona Feira Vella (xaneiro 2017) onde se levan xestionado preto de 65 toneladas de biorresiduos.