As actividades do Revitaliza para escolares chegaron xa este ano a máis de 8.000 participantes a pesares da COVID-19

Hoxe celebrouse o xa tradicional Congreso Escolar de Compostaxe, no que participaron colexios de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Ponteareas e Silleda


11 decembro 2020

As actividades do Revitaliza para escolares chegaron neste ano 2020 marcado pola COVID-19 a máis de 8.000 escolares. A cifra é considerada como todo un éxito por parte da Deputación de Pontevedra xa que, ademais, amplíase ao contabilizar os datos por cursos escolares: no 2019-2020 tiveron lugar 420 obradoiros para 9.628 crianzas –a pesares de que o terceiro trimestre non foi operativo–, e só no primeiro trimestre deste curso contabilizáronse 2.055 nenas e nenos en 138 actividades.

Estes datos foron dados a coñecer hoxe con motivo do Encontro de Educación Ambiental sobre compostaxe organizado ao abeiro do Plan Revitaliza da man do CEIDA, unha cita anual que se repite por cuarta vez, desta volta en formato telemático. Nesta ocasión contou con centros de ensino de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Ponteareas e Silleda que expuxeron o traballo realizado coa compostaxe ao longo dos últimos meses, e foi seguido por un bo número dos colexios de toda a provincia.

O director do Ceida, Carlos Vales, quixo poñer de manifesto na inauguración do encontro a importante adaptación das e dos educadores que están a desenvolver o programa do Revitaliza nos colexios. "Estou impresionado coa capacidade nun contexto tan sorpresivo, duro e perigoso. Se non houbera pandemia habería miles de alumnos máis nestas actividades, máis a pesares de todo estamos orgullosos", destacou, destacando que cando se recupere unha maior normalidade farase un esforzo por potenciar o programa.

O vicepresidente, Mosquera, impulsor do Revitaliza, destacou a importancia que tivo o traballo nas escolas no éxito que está a ter o plan de compostaxe provincial en xeral. Afirmou que foi fundamental abordar todos os flancos e actuar conxuntamente con axentes e colaboradores creando equipos de traballo. "Botamos a andar no 2015 nun campo no que os intentos non daban callado. Nós aprendemos do que se fixo ben e do que se fixo mal noutros lugares, trouxemos xente formada e tiñamos humildade para aprender. Agora o programa no seu conxunto é exemplo na Unión Europea e noutros ámbitos, o que demostra que se nos poñemos, as e os galegos somos quen de facer grandes cousas", resaltou.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo recoñecer pola súa parte o traballo feito polo CEIDA, organización que cualificou como "o instrumento fundamental para levar a cabo este proxecto aos centros educativos" e destacou a necesidade de "comprometer á mocidade" como a única forma para lograr un cambio de hábitos para o tratamento dos residuos.

"Precisamos de forma imperiosa cambiar o sistema e é fundamental –indicou dirixíndose aos mozos e mozas participantes no encontro– que vos os sumedes, e que sexades a voz da reivindicación de que hai que facer as cousas doutra forma. Precisamos da educación e tamén doutro modelo educativo máis pegado á realidade na que vivimos, para dar respostas ás novas necesidades. É un dos aspectos máis potentes do Revitaliza".

"Levamos moito tempo facéndoo mal no planeta –manifestou Carmela Silva–. Falase do poder da educación, pero este acádase se aos centros de ensino chegan competencias e modos de educar baseados nun compromiso co tempo, co espazo e co territorio". A presidenta destacou o traballo conxunto "dunha grande equipa" impulsado desde a Deputación neste eido e os logros conseguidos: "Hai que ter ambición e nós somos un pobo moi talentoso, afeito a dar ao longo da historia respostas aos retos –indicou–. É certo que unha administración provincial ten menos recursos, pero como di o vicepresidente, alguén tiña que empezar a apostar pola compostaxe e por un sistema circular, onde todo esta pensado e no que se vai aprendendo da experiencia para introducila na toma de decisións. E estamos orgullosos de que unha administración provincial estea a converterse nun gran referente da compostaxe".

Protagonista, a rapazada

Na xornada de hoxe os principais protagonistas foron as e os rapaces dos centros de ensino. Con vídeos gravados ao longo das últimas semanas, amosaron o traballo que estiveron realizando ao longo do curso pasado e toda a súa implicación co coidado da natureza, a reciclaxe e a compostaxe en concreto.

O centro que arrancou a xornada foi o I.E.S. Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda, que participan desde o principio no ‘Programa de Educación Ambiental Revitaliza' e utilizan a compostaxe como un fío educativo con xogos e actividades a partir da exposición do CEIDA, con compostaxe con experimentación e outras iniciativas como facer xabón con aceite de reciclaxe, implicando a todos os niveis formativos, incluíndo a FP Básica de comercio e resultando un traballo excepcional.

Os seguintes en expoñer o seu traballo foron o alumnado da E.E.I. Verducido de Pontevedra, que tamén participan no programa educativo desde o principio e xa participaran no I Congreso de Educación Ambiental, e que falaron dos composteiros no colexio, usando os restos das merenda e o comedor escolar, e da horta no centro educativo.

Pola súa parte, o C.E.P. Plurinlingüe Riomaior de Vilaboa, totalmente involucrado no Revitaliza, ten creado a Cooperativa Riomaior para facer artesanías co refugallo e obter así cartos para autofinanciar as súas saídas, doando o resto a ONGs.

Finalmente, o C.E.I.P. Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas explicou como participa activamente coa instalación de composteiros no centro educativo e a creación de horta escolar, e o C.P.R. Santiago Apóstol de Soutomaior falou do seu traballo sobre o estudo da influencia do compost no crecemento do grelo e a verza.