Preto de 30.000 escolares da provincia participaron xa nos obradoiros e actividades divulgativas do Plan Revitaliza

A Deputación e o Ceida asinaron hoxe o quinto convenio para traballar de maneira lúdica nos centros de ensino a importancia de tratar os residuos de maneira ambientalmente sustentable


19 febreiro 2020
Sinatura CEIDA 2020

Preto de 30.000 escolares da provincia participaron xa nas actividades e obradoiros que a Deputación de Pontevedra e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) realizan ao abeiro do Plan Revitaliza para divulgar a compostaxe e concienciar da necesidade de tratar os residuos de maneira ambientalmente sustentable.

No día de hoxe a Deputación e o Ceida asinaron o seu quinto convenio de colaboración para realizar estas actividades, que foron ‘in crescendo' dende a súa implantación: no primeiro curso académico chegouse a 5.000 nenos e nenas; a máis de 10.000 no segundo e a preto de 14.000 no último. No actual 2019-2020 o número de solicitudes de actividades triplicouse con respecto ao anterior xa a día de hoxe, polo que as expectativas están totalmente cubertas e existe unha grande satisfacción na Deputación pola implicación da comunidade escolar coa compostaxe.

O vicepresidente César Mosquera, de feito, cualificou o programa de divulgación da compostaxe do Ceida no ensino de Infantil, Primaria, e Secundaria como un dos máis exitosos dos que dependen do Plan Revitaliza. Sinalou que "estamos francamente contentos co funcionamento" porque coa celebración das xornadas e actividades nos centros de ensino "se cumple algo fundamental que é a formación e sensibilización das pequenas e pequenos, que van ter a oportunidade de ter unha educación con respecto aos residuos novidosa, alternativa e que corresponde cos parámetros máis esixentes e avanzados do respecto do medio ambiente e da normativa".

O nacionalista destacou que o Ceida recibe unha subvención para realizar este traballo de 150.000 euros, pero cualificouna como un "custe moi baixo" tendo en conta os resultados e a potencia do seu alcance. "Non sei o número de escolares da provincia, pero certamente temos moita incidencia", subliñou.

Formalmente, o convenio de colaboración foi asinado polo deputado Uxío Benítez, quen dende inicio de ano é o delegado do Plan Revitaliza pola carga de traballo asumida por Mosquera noutras áreas. O vicepresidente, en calquera caso, indicou que el seguirá facendo a supervisión e marcando as normas xerais, se ben estará máis afastado do traballo diario.

Pola súa banda, o director do Ceida Carlos Vales, manifestou a satisfacción que supón participar do Plan Revitaliza da Deputación. Insistiu en que o programa está claramente ‘in crescendo' e que ademais do beneficio que supón facilitar educación ambiental ás crianzas, tamén supón unha fonte de traballo na provincia para o sector da educación ambiental.

Vales incidiu na calidade das actividades e obradoiros realizados sobre compostaxe, cualificados nas enquisas como ‘moi boas' en máis dun 70% dos casos. "A alta demanda que temos para esta oferta educativa é tamén o éxito do programa da Deputación, que ten unha aposta institucional evidente".

Delegación canaria

Ademais de dar conta do convenio asinado co Ceida, o vicepresidente Mosquera anunciou hoxe que a primeiros do mes de marzo a Deputación recibirá a visita dunha delegación de preto de 30 representantes do goberno autónomo canario, de varios cabildos e concellos insulares para coñecer ‘in situ' o Plan Revitaliza.

Entre outros, estarán en Pontevedra (cun amplo programa de traballo) o conselleiro de Transición Ecolóxica, Loita contra o cambio climático e Planificación, José Antonio Valbuena; o viceconselleiro de Loita contra o cambio climático, Miguel Ángel Pérez; o director xeral José Domingo Fernández; o xefe de gabinete José Luis Figueroa; e o asesor Ryco Bejarano García; ademais de representantes do Cabildo de Palma, dos concellos de Breña Baja, Barlovento, Garafía, Los Llanos de Aridane, Puntagorda, Puntallana, Tirajafe, e Mazo, xunto con outras entidades e entidades públicas e privadas.

Esta nova recepción, dixo o vicepresidente pontevedrés, é unha mostra máis do interese do plan provincial polo mundo adiante, para sinalar que o feito de que en moitas localidades se estea a mirar para Pontevedra supón "un acicate" para facelo o mellor posible. No caso do arquipélago canario, Mosquera destacou que o programa pontevedrés é perfectamente adaptable e incluso adaptable ao territorio canario polas súas características.

"Todos están mirando para aquí dende moitas administracións porque temos unha posposta sensata e ben definida", apuntou o nacionalista, quen aproveitou para criticar "as trampas ao solitario" que fan outras administración propoñendo solucións fraudulentas para acadar as cifras de reciclaxe esixidas pola Unión Europea.

Neste sentido, destacou que non é suficiente con poñer colectores para a materia orgánica, senón que é preciso un traballo serio que o sustente, co fin de acadar cifras de reciclar reais e resolver os obxectivos da normativa e tamén de coidar o planeta. "Houbo moitos recursos investidos con resultados pírricos. As administracións non tomaron en serio ir por esa liña. Separar as fraccións é unha obriga para todos, pero non hai traballo feito: o único que se fixo foi instalar colectores para dicir que se recicla pero sen intención de acadar cifras de reciclaxe", subliñou.