A Deputación levará os ‘concellos Revitaliza' a Cataluña para coñecer in situ os seus sistemas de xestión de residuos

O Revitaliza realizou hoxe unha Xornada Aberta coa participación de técnicos da Agència de Residus de Catalunya para analizar os modelos de recollida viables para a provincia de Pontevedra


22 outubro 2021
A Deputación levará os ‘concellos Revitaliza' a Cataluña para coñecer in situ os seus sistemas de xestión de residuos

Seis anos despois da viaxe a Navarra e País Vasco que fora xerme do Plan Revitaliza de compostaxe, a Deputación pretende agora levar aos concellos da provincia a Cataluña para que coñezan sobre o terreo os seus diferentes modelos de recollida e xestión de residuos. Así o anunciou hoxe o vicepresidente César Mosquera na Xornada Aberta sobre Residuos organizada pola Deputación e na que representantes da Agència de Residus de Catalunya (ARC) explicaron algunhas das vantaxes e inconvenientes do seu sistema.

O vicepresidente Mosquera salientou a importancia de compartir coñecemento entre Pontevedra e Cataluña e de coñecer eivas e vantaxes das alternativas de xestión catalanas  para que os concellos da provincia tomen decisións tendo en conta as súas propias circunstancias tanto sociais como fiscais .

Insistiu  en que a Deputación está decidida a apoiar e asesorar aos municipios da provincia para que consigan obxectivos de reciclaxe da UE. "É para nós unha obriga. Teremos que centrarnos en 2023 como data límite", explicou, para lembrar que están abertas as subvencións para redactar ordenanzas fiscais e de xestión municipais.

Nestes momentos, indicou, é preciso que os concellos se doten de normativa propia que inclúa as ideas da obrigatoriedade da separación dos residuos en orixe, da mellora da inspección e control dos grandes produtores de residuos (hostalería, supermercados, comercios, fábricas...), e da aproximación ao pago por xeración ou por facturación para que as taxas sexan máis equitativas.

Modelo pau-cenoria 
Na Xornada Aberta sobre Residuos foi o director de Planificación Estratéxica da ARC, Francèsc Giró, o responsable de facer un percorrido do que se fixo en Cataluña na xestión dos residuos municipais nos últimos 30 anos. Explicou que xa no ano 1993 a Generalitat aprobou unha lei que recollía a obriga de separar os residuos orgánicos por parte dos municipios de máis de 5.000 habitantes e, dende entón, tras 25 anos de recollida selectiva e biorresiduos apenas se ten acadado o 46% "cando agora veñen obxectivos marcados pola UE en 15 anos do 55%n 60% e 65% que van custar moito".

No ano 2000, apuntou Giró, tomouse a decisión de implantar o sistema de recollida porta a porta (PaP) en tres municipios. "Os resultados foron espectaculares, dun día ao seguinte o cambio foi radical: do 20% de selectiva ao 70-80% manténdose no tempo", dixo. Dende entón desenvolveuse este modelo de recoller os residuos e agora hai 240 municipios seguíndoo -un 30% do total dos que recollen biorresiduos- e 130 máis que están a prepararse para implantalo en dous tres anos.

"Non foi fácil porque o sistema en si mesmo non ten misterio pero supón un cambio de hábitos para a cidadanía importante. Aí está o quid da cuestión en positivo e negativo. Algúns cidadáns poden ver que se limita a súa capacidade de actuar, de botar os residuos cando queren. Pero no fondo cando se practica, acaban vendo máis vantaxes que inconvenientes. Hai que falar da comodidade: non teñen que desprazarse a ningún colector e poden deixar os residuos diante da súa casa cos medios que sexan (cubos ou bolsas), e iso é unha grande vantaxe. Ao final o hábito adáptase sen ningún problema. E o resultado é bo en termos de cantidade e de calidade, que é máis importante para que a reciclaxe posterior sexa aproveitable", subliñou.

A pesares de todas as vantaxes referidas por Giró, o técnico da ARC subliñou que o PaP en si mesmo é un sistema de recollida que debe ser adaptable a cada localidade e que en Cataluña está implantado en parte grazas á fiscalidade ambiental aplicada. Apuntou que  dende o ano 2008 unha lei do Parlamento encarece artificialmente mediante unha taxa ambiental -unha multa- os residuos que van a vertedoiro ou a incineradora, engadindo ese custe aos municipios á tarifa de entrada a vertedoiro.

A Agència de Residus é a encargada da recadación do canon, pero a diferencia doutros países europeos, os cartos non quedan no departamento autonómico, senón que son retornados aos municipios nun 96% en función da cantidade e calidade dos residuos orgánicos que separan. "É por tanto un modelo de pau-cenoria, de maneira que os que o fan mal saen prexudicados e os que o fan ben saen beneficiados", apuntou.

"Isto foi preciso como un instrumento económico que axudaba a avanzar, senón sería imposible. (...) Para nós foi clave. No primeiro ano que se aplicou recadamos 30 millóns de euros e agora estamos recadando 90 millóns de euros. Foron nestes anos 600 millóns que redundaron nos concellos. A Agència só quedou o 4% para xestión", apuntou.

Con esta base fiscal, e sobre o caro que pode resultar a recollida PaP, Giró subliñou que o custe da xestión dos residuos tense que ver de maneira global: "hai que ver os custes da recollida, o transporte, tratamento, en Cataluña o que pagan os municipios de canon, e as entradas que son os retornos dos sistemas integrados, os retornos de canon da Agència e as taxas que paga a cidadanía. Co porta a porta fixemos estudos e o custe global de xestión, sumando ingresos e custes, para nós son practicamente equivalentes", explicou.

Destacou que sen o canon catalán aplicado pola Generalitat -e que no caso galego debería aplicar a Xunta- os resultados económicos serían outros, insistindo en que grazas ao retorno da multa aos concellos incluso houbo gobernos locais cataláns que "puideron baixar as taxas á cidadanía ou non subilas, que xa é importante".

Na Xornada Aberta de Residuos de hoxe participaron representantes dos concellos de Meaño, Mondariz Balneario, O Grove,Tomiño, Gondomar, Sanxenxo, Lalín, Moraña, Moaña, Redondela, Valga, Vilagarcía de Arousa, Cangas, O Rosal, Ponteareas, Silleda, Mondariz, Salceda de Caselas, Ribadumia, Barro,  As Neves, A Estrada e Illa de Arousa, entre outros.