A parroquia de Frades, protagonista da última repartición de composteiros en Mondariz

Mañá xoves, ás oito da tarde, haberá unha nova entrega e unha reunión formativa do Plan Revitaliza da Deputación


04 xullo 2018
A parroquia de Frades, no Concello de Mondariz, vai ser mañá a protagonista dunha nova repartición de composteiros dentro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. Nesta ocasión outra quenda de aproximadamente 70 veciñas e veciños poderán coñecer como compostar os seus restos orgánicos (residuos de cociña e de xardín) grazas aos instrumentos, asesoramento e seguimento de persoal técnico especializado.
 
Esta nova reunión en Mondariz encáixase dentro da programación prevista tanto pola Deputación como polo concello para acadar que a final de ano toda a veciñanza do municipio poida tratar os seus biorresiduos ‘in situ' no seu propio domicilio. Hai que lembrar que o Concello de Mondariz será un dos primeiros en todo o Estado español que cumprirá en tempo a nova normativa de residuos, que obrigará a que no ano 2020 todo o lixo orgánico se composte ou se recolla de xeito separado. Este paso a un novo modelo de xestión de residuos será moi sinxelo e economicamente asumible para as arcas locais xa que a Deputación aportou o 90 % do custo de mercar os composteiros individuais para a cidadanía, os composteiros comunitarios, e tamén un camión grúa, trituradoras para estruturante e outros elementos necesarios para o cambio.
 
A cidadanía convocada á reunión de mañá estase a citar por teléfono de xeito personalizado aínda que as charlas están abertas tamén a outras veciñas e veciños que non puideran asistir en charlas anteriores. Na reunión entregarase a cada veciño e veciña un composteiro doméstico de exterior, un aireador, un termómetro analóxico e un manual de compostaxe. Na charla formativa explicaranse os motivos polos que é importante a xestión do lixo a través do Plan Revitaliza da Deputación e cuestións prácticas do novo sistema de xestión dos residuos en ambas vilas, así como do funcionamento dos puntos verdes de intercambio de podas e estruturante.
 
Representantes de Amigos da Terra (AdT), asociación colaboradora da Deputación, explicarán cuestións xerais sobre o lixo (máis da metade do que se produce nos domicilios é de tipo orgánico), os beneficios da compostaxe, como se debe instalar o composteiro individual (COIN) na parcela, os materiais compostables e os que non o son, así como a importancia do estruturante.
 
Durante os primeiros doce meses nos que a veciñanza de Mondariz comece a compostar os seus residuos orgánicos nos COIN do Plan Revitaliza, as persoas usuarias van dispor de asesoramento e seguimento directo, xa que recibirán unha media de tres visitas domiciliarias das técnicas de Amigos da Terra. Nestas visitas o persoal comprobará que o proceso se fai correctamente medindo todos os parámetros, e resolverá dúbidas. Tamén estará a disposición da cidadanía o persoal técnico da Deputación.