O Revitaliza, potencial aliado contra os lumes forestais na provincia pola necesidade de biomasa para a compostaxe

A Deputación de Pontevedra participará nunhas xornadas do proxecto GEFRECON ao Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Asociación Forestal Galega para falar das posibilidades dos recursos forestais


Revitaliza é un potencial aliado contra os lumes forestais na provincia pola necesidade de biomasa no proceso de compostaxe. Así o asegura o deputado Uxío Benítez, quen destaca a importancia de entroncar o traballo do Revitaliza coa prevención dos incendios é unha liña de traballo e relación cos axentes forestais na que se debe afondar de cara ao futuro.

Benítez anunciou hoxe que o asesor de residuos da Deputación de Pontevedra, Carlos Pérez, participará a finais deste mes nunha xornada de ‘Presentación de ferramentas de avaliación do recurso forestal e plans municipais de defensa contra incendios' organizada ao abeiro do proxecto GEFRECON de ‘Xestión Forestal conxunta para prevención de incendios forestais en territorio POCTEP', cofinanciado con fondos europeos a través do programa Interreg V-A España-Portugal.

Pérez participará no terceiro relatorio das xornadas, o 30 de novembro, e falará sobre o plan de ‘Xestión circular de residuos municipais pola Deputación de Pontevedra'. Dará a súa visión sobre a situación actual da prevención de incendios forestais mediante a xestión forestal integrada e sobre a potencial achega dunha xestión eficiente e sustentable dos residuos forestais, en concreto, da proposta de uso e derivación dunha parte dos residuos forestais para a compostaxe da fracción orgánica de residuos municipais (FORM) e de como encaixa o Revitaliza ao respecto.

Hai que lembrar que no proceso de compostaxe dos biorresiduos cada vez que unha persoa realiza unha achega de lixo a un composteiro debe achegar tamén a parte correspondente de estruturante, isto é materiais vexetais secos, preferentemente leñosos, triturados ou partidos (biomasa). Estes materiais secos, moi ricos en carbono, teñen como función principal a de dar ‘estrutura' ao material a compostar: permiten que se airee e compensan a humidade, evitando tamén coa súa utilización a aparición problemas como os lixiviados ou malos cheiros. De feito, achegar estruturante é unha das regras básicas para compostar correctamente.

Tendo en conta o número de centros de compostaxe comunitaria e de composteiros individuais repartidos polo Revitaliza na provincia a cantidade de biomasa necesaria na provincia é moi elevada. Por este motivo o produto resultante da limpeza dos montes existentes podería ter saída de maneira automática dentro do Plan provincial de compostaxe.

Segundo explican desde a organización, coas xornadas do proxecto GEFRECON ‘Xestión Forestal Conxunta para prevención de incendios forestais en territorio POCTEP' preténdense poñer en marcha "accións innovadoras que permitan reducir o risco de incendios forestais mediante o desenvolvemento e implementación de plans conxuntos, a sensibilización da poboación, a información e formación en autoprotección e a promoción da creación de empresas forestais", un eido no que se pode incluír o Revitaliza.

O obxectivo de GEFRECON é identificar recursos forestais e poder valorizalos dunha forma conxunta coa finalidade última de reducir o risco de incendios forestais a través da xestión conxunta, permitindo unha xestión sustentable no territorio e reducindo os abandonos de territorio forestal.