A Deputación comeza a entrega de composteiros individuais entre os "concellos revitaliza"

Cambados, Sanxenxo, Soutomaior, Oia e O Rosal serán os primeiros en recibir o material provincial coincidindo coa ‘Semana Internacional do Compost'


09 maio 2019
Composteiro individual

A Deputación de Pontevedra comezará esta semana a entrega de composteiros individuais aos ‘concellos Revitaliza' co fin de fomentar a compostaxe domiciliaria. Coincidindo coa celebración da ‘Semana Internacional do Compost' -entre o 5 e o 11 de maio-, os primeiros municipios que recollerán o material serán os de Cambados, Sanxenxo, Soutomaior, Oia e O Rosal para despois distribuílos entre a veciñanza que ten casas con horta.

En total serán 20 os concellos da provincia que se poderán beneficiar do reparto dos mil composteiros individuais que a Deputación ten dispoñibles xunto co seu respectivo material complementario (aireadores, guía informativa, etc.). A primeira esixencia que deben cumprir os concellos interesados para conseguir estes composteiros é estar adheridos ao Plan Revitaliza; tamén dispoñer no seu territorio de alomenos un centro de compostaxe comunitaria en funcionamento ou unha mestra composteira interina; non ter concedida a Liña 2 das subvencións Revitaliza; facerse cargo da recollida, transporte, entrega e dar a formación necesaria á veciñanza; e comprometerse a facer o seguimento dos composteiros repartidos con como mínimo dúas visitas aos domicilios que os teñan durante o ano posterior á súa entrega.

Os primeiros expedientes de subvención aprobados para o reparto dos composteiros individuais (COIN)  foron para os concellos de Cambados, Oia, O Rosal, Sanxenxo e Soutomaior. Todos estes municipios recibirán o máximo de composteiros posibles nesta fase tendo en conta as súas necesidades teóricas de para cubrir o total da veciñanza. Así, Cambados disporá de 26 COIN, Oia de 20, O Rosal de 22, Sanxenxo de 64 e Soutomaior de 31.

Os restantes composteiros individuais repartiranse de forma progresiva atendendo ás solicitudes dos ‘concellos Revitaliza' unha vez formalicen a súa solicitude correctamente e completen a entrega de documentación: a memoria co número de persoas interesadas en obter un composteiro e coa estratexia de reparto e formación, xunto coas declaracións responsables de cumprir as obrigas municipais ao respecto.

A entrega de COIN por parte da Deputación supón un complemento á compostaxe comunitaria que se está a desenvolver nos concellos da provincia, co fin de estender o tratamento en proximidade dos residuos orgánicos entre a veciñanza que dispón dun terreo para xestionar na súa propia vivenda os seus biorresiduos. Desta maneira tratarase por compostaxe tanto a fracción orgánica doméstica convencional producida nas vivendas (restos de cociña e comidas) como a de hortas e xardíns evitando a recollida e transporte do residuo.

Hai que lembrar que a Deputación ten xa instalados máis de 116 centros comunitarios que dan servizo a veciñanza que vive en zonas de densidade media e de grandes produtores en 30 municipios. Ademais, están traballando nunha fase máis adiantada da compostaxe (en Liña 2 e por tanto non poden optar ao actual reparto de COINS) os concellos de Pontevedra, Vilaboa, O Grove, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, xunto con A Illa, Bueu, Cangas, Moaña, Ponteareas, Tomiño, Valga e Poio, pendentes de confirmación da súa subvención.

Semana Internacional do Compost

A Deputación de Pontevedra está a realizar estes días, como é habitual durante os últimos anos, actividades e xornadas informativas de forma continua para achegar a compostaxe á cidadanía. Nesta semana as charlas e eventos en colexios, os repartos de compost, e as postas en marcha de composteiros ao longo da provincia coinciden coa celebración da Semana Internacional do Compost (ICAW- International Compost Awareness Week), unha iniciativa que se celebra en diferentes países cada ano durante a primeira semana de maio para informar e promover o uso do compost, explicar de onde provén, como utilizar e cales son os seus beneficios.

O  ICAW iniciouse no Canadá en 1995 e co tempo foise estendendo a outros países. En cada edición refórzase unha mensaxe relacionada coa compostaxe e este ano escolleuse o lema ‘Cool  the  Climate – Compost', co que se quere poñer de manifesto que a achega do compost aos chans agrícolas contribúe na redución da pegada do carbono e na mitigación do cambio climático, e por tanto, en que hai unha conexión entre a saúde do chan e o clima.

Para consultar eventos e obter máis información sobre compostaxe todas as persoas interesadas poden consultar a páxina web www.revitaliza.depo.gal. Aí está a disposición, entre outro material, unha axenda de actos e tamén varios vídeos explicativos de veciños e veciñas da provincia que participan activamente no Plan Revitaliza da Deputación e que amosan dende os seus domicilios ou negocios o sinxelo que resulta compostar tanto nun composteiro individual como nun composteiro comunitario.