A Deputación lanza as axudas para que os 'Concellos Revitaliza' contraten a terceira fornada de mestras e mestres composteiros propios

Cada municipio poderá dispoñer de entre un e catro especialistas en compostaxe e o Revitaliza correrá co 100 % do custo laboral o primeiro ano, o 50 % o segundo ano e o 30 % o terceiro ano


15 abril 2021

A Deputación de Pontevedra aprobará este venres en Xunta de Goberno a terceira liña de axudas para subvencionar a contratación de mestras e mestres composteiros por parte dos ‘Concellos Revitaliza'. Este persoal pasará a formar parte do cadro de persoal municipal durante un prazo de tres anos e encargarase de desenvolver o modelo de xestión de lixo baseado na compostaxe, xestionando os centros de compostaxe comunitaria, revisando e controlando os composteiros individuais, e atendendo á cidadanía.

Segundo adiantou o vicepresidente, César Mosquera, a Xunta de Goberno aprobará mañá venres as bases da convocatoria. Trátase da terceira vez que a Deputación facilita a contratación de persoal aos concellos adheridos ao Plan de compostaxe provincial, tendo outorgado na primeira convocatoria axudas para contratar trece postos técnicos e catorce na segunda. Nesta ocasión, e tras as consultas previas e mediante estudos de campo realizados polo persoal técnico provincial, estímase que as necesidades de persoal nos concellos quedarían cubertas cun máximo de 15 novos mestres composteiros.

Os postos cubriranse con persoal preparado en compostaxe. Chamarase en primeiro lugar ás persoas candidatas que forman parte da vixente bolsa de emprego creada no seu día para o nomeamento interino do persoal Revitaliza, mais se é preciso, convocarase un novo proceso selectivo por parte da Deputación para crear outra bolsa de emprego.

Os concellos que soliciten as axudas para contratar mestras e mestres composteiros recibirán un número máximo de traballadores (entre 1 e 4) que se determinará en función da experiencia acumulada no tratamento de residuos orgánicos (ata 60 puntos) –presentando un proxecto de actuación– e da posibilidade de acadar o tratamento progresivo do 100 % da materia orgánica. A valoración farase por medio dunha comisión de persoas expertas.

Ao igual que na anterior convocatoria, a Deputación subvencionará aos concellos o 100 % das retribucións das mestras e mestres composteiros o primeiro ano (12 meses). Tendo en conta os prazos para a tramitación do expediente, a subvención correspondente ao ano 2021 abarcará un período de seis meses, polo que o importe máximo do financiamento nesa anualidade de 2021 ascenderá á cantidade de 222.129,90 euros. O segundo ano a Deputación farase cargo do 50 % do custo laboral e o terceiro ano do 30 %.

O prazo para presentar as solicitudes dos concellos será de 15 días a contar desde o día seguinte á publicación das bases e do extracto no BOPPO. Na actualidade son un total de 47 concellos da provincia os que están adheridos ao Revitaliza.