A Deputación lanzará unha liña de axudas para potenciar experiencias de agrocompostaxe na provincia ao abeiro do Plan Revitaliza

O vicepresidente César Mosquera asegura que a mestura dos residuos municipais cos agrícolas e gandeiros é unha solución "de sentido común" para resolver a xestión do lixo nas vilas e achegar fertilizantes á terra


20 decembro 2021
Xornada Revitaliza, Biorresiduos municipais retornnando ao agro

A Deputación de Pontevedra vai lanzar unha liña de axudas para botar a andar e potenciar experiencias de agrocompostaxe na provincia ao abeiro do Plan Revitaliza. Así o anunciou hoxe o vicepresidente César Mosquera na inauguración das Xornadas Revitaliza sobre ‘Biorresiduos municipais retornando ao agro', onde subliñou que a co –compostaxe de residuos urbanos con residuos producidos na agricultura ou na gandeiría é unha solución "de sentido común" para resolver a xestión dos biorresiduos nas vilas e cidades e ao mesmo tempo achegar fertilizantes á terra. 

Mosquera indicou que o Revitaliza ten as bases para estas axudas preparadas dende a primavera pasada á espera da nova normativa sobre residuos estatal, que se aprobará nesta mesma semana, e que aclarará a posibilidade de que os residuos municipais separados en orixe se poidan mesturar cos xerados no agro e na gandería. Insistiu en que a convocatoria non se puido botar a andar antes para evitar fracasos: "Queremos dar pasos con solvencia incluso a risco de ir máis lentos", explicou.

Segundo o vicepresidente, a co-compostaxe dos biorresiduos urbanos e do agro –o que se chama modelo austríaco- supón unha solución "de sentido común" para resolver a xestión do lixo urbano porque xestionará unha fracción que supón o 50% dos residuos xerais, pero tamén para achegar fertilizantes naturais á terra, moi necesarios nun momento como o actual no que é preciso evitar compoñentes artificiais, cumprindo de maneira perfecta a economía circular. 

Mosuquera subliñou que o obxectivo das axudas provinciais será achegar fondos para poñer en marcha proxectos conxuntos e de colaboración entre concellos e empresas agrogandeiras, un obxectivo polo que nestes momentos tamén está a apostar a Unión Europea.  O nacionalista explicou que a viabilidade dos proxectos de agrocompostaxe virá dada pola calidade do compost resultante, traballando na correcta separación en orixe dos biorresiduos municipais e agrogandeiros, ademais de facendo un control continuo e correcto do proceso de compostaxe para evitar tanto contaminacións químicas como bacteriolóxicas. 

Xornadas Revitaliza 

O vicepresidente Mosquera realizou o anuncio das axudas para proxectos de agrocompostaxe no marco das Xornadas Revitaliza coorganizadas xunto ao CEIDA. Na inauguración o director do centro, Carlos Vales, subliñou que nos dous días que durarán os relatorios exporanse as experiencias máis relevantes do estado español ao falar da co-compostaxe urbana e agrícola, tanto dende a perspectiva pública, privada, de normativa e de investigación. 

Vales indicou que o tema que centra as xornadas, o retorno dos nutrintes dos residuos urbanos e agrogandeiros á terra, é fundamental. Lembrou que nos informes internacionais sobre medio ambiente se pon de relevancia a necesidade de producir alimentos e de dar fertilidade á terra. "Temos que devolver á terra o que sacamos dela ou as futuras xeracións terán que facer fronte a insustentabilidade", afirmou.

Logo da inauguración da xornada expuxéronse diversos casos puntuais de compostaxe tanto a pequena como a gran escala. Un dos proxectos máis singulares foi o que explicou a representante da planta de compostaxe ‘La Prosperidad' en La Palma, Ana Belén Yuste López, que indicou que na planta se tratan os residuos dun empaquetado de plátanos, entre 1.000 e 1.500 toneladas de residuos agrarios ao ano e que ten como reto de futuro incorporar os residuos municipais, agardando a que a lexislación o permita de maneira clara. 

Yuste lembrou que hai dous anos estiveran a visitar Pontevedra e o Revitaliza, trasladando a compostaxe doméstica e comunitaria á illa. Indicou que a pesares de que nestes momentos La Palma está centrada no acontecido co volcán, nas zonas non directamente máis afectadas por este, estase a facer fincapé en que os residuos non desaparecen polo que é preciso reciclar levando adiante o programa ‘La Palma orgánica'. "É fundamental haxa o que haxa que se faga a reciclaxe dos residuos orgánicos. Iso aprendémolo de Carlos Pérez –asesor do Revitaliza-, que non é unha flor, e que temos que apostar por isto", subliñou.

Ademais do caso de La Palma tamén se puxeron sobre a mesa iniciativas como a de ‘Millo e Landras', de agricultura e ganderíaecolóxica (Vilasantar – A Coruña) explicada por Victor M. Boga Vázquez, que salientou a circularidade dos refugallos da hostalería da zona como alimento para o gando ou como abono para a terra; o proxecto de Gurpide Elkartea e o Concello deLarrabetzu (Bizkaia) ; o da Asociación Agroecolóxica para ainclusión social Albalá (Madrid); o de Garden Hotels (Mallorca); o do Concello de Usurbil (Gipuzkoa); o da planta de compostaxe  Josenea Bio S.L. (Navarra); ou a iniciativa da Asociación de Economías Biorregionales de Madrid. 

Mañá será a quenda das voces profesionais na aplicación industrial, na comercialización e no uso agronómicamente correcto dos diferentes compost, ademais de avanzar nas iniciativas mais prometedoras que se están a xestar no estado, e de achegar visións investigadoras e administrativas.