Como o compost mellora o rendemento da viña?

O Revitaliza e a Asociación Galega de Viticultores celebran este sábado ás 17 horas na Casa da Cultura de Riomaior (Vilaboa) unha xornada explicativa sobre os beneficios da emenda orgánica na agricultura


11 marzo 2019
Como o compost mellora o rendemento da viña?

Como o compost pode mellorar o rendemento da viña? Esta será unha das preguntas ás que  persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación e profesionais da Asociación Galega de Viticultores respostarán este sábado nunha xornada formativa que se celebrará na Casa da Cultura de Riomaior ás cinco da tarde. A intención é trasladar aos produtores locais, persoas viticultoras e agricultoras en xeral, nocións básicas de fertilización orgánica e a súa grande influencia na mellora da calidade das colleitas e a sanidade vexetal do viñedo.

Baixo o título ‘A fertilización no viñedo e o compost', falarase dos beneficios nos solos utilizados para a agricultura. Así, tanto o persoal do Revitaliza da Deputación de Pontevedra como da AGV explicarán que o compost mellora as características biolóxicas e físicas do chan, achegándolles gran cantidade de nutrientes; axuda a manter a humidade da terra e actúa como  funxicida e  bactericida; favorece o rendemento de cultivos de hortalizas e cereais sen utilizar produtos químicos, garantindo unha produción ecolóxica; e pódese producir facilmente aproveitando os residuos vexetais sobrantes da poda das viñas e dos residuos domiciliarios.

Con esta charla, Deputación e Concello de Vilaboa continúan o despregue do plan de compostaxe na vila coa intención de acadar unha separación total dos biorresiduos tanto por parte da veciñanza e dos grandes produtores de lixo orgánico, tanto sexan da hostalería como doutros ámbitos, co fin de pechar o ciclo transformando os residuos en recursos.

Hai que lembrar que o Concello de Vilaboa recibiu da Deputación unha subvención de 345.869,06 euros para desenvolver o Plan Revitaliza (o 88,07% do orzamento solicitado para mercar composteiros individuais, colectivos e materiais complementarios), ademais dun investimento de 80.800 euros para o convenio coa asociación ecoloxista Adega, co fin de prestar apoio á veciñanza na compostaxe individual e facer seguimento dos composteiros para garantir a calidade do compost que se produce.

A Deputación de Pontevedra leva dende o inicio de mandato a traballar no Plan Revitaliza co fin de promover a compostaxe de proximidade tanto por unha cuestión ambiental como porque se trata dun sistema de xestión de residuos máis económico que o actual, xa que se aforra o custe da recollida de máis do 50% da bolsa do lixo –que é a parte orgánica- ao tratarse in situ nos composteiros, o seu transporte ata a planta de incineración, e tamén no propio tratamento. O Concello de Vilaboa é nestes momentos un dos municipios adheridos ao Plan Revitaliza máis adiantados na implantación do modelo de xestión mediante a compostaxe xunto cos municipios de Pontevedra, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario e O Grove.