A Escola de Capataces de Lourizán apúntase á compostaxe coa instalación dun centro comunitario do Revitaliza para tratar o seu lixo orgánico

Alumnado e profesorado encargaranse do mantemento do composteiro coa supervisión do persoal provincial


28 maio 2020
Centro de compostaxe comunitaria

A Escola de Capataces de Lourizán vai sumarse ao ‘mundo da compostaxe' da man do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. O centro de estudos ten xa instalado un centro de compostaxe comunitaria de tres módulos que previsiblemente comezará a funcionar no mes de setembro, dependendo do reinicio da actividade educativa.

Unha das novidades deste centro con respecto aos que se instalan nas demais zonas da provincia é que será o propio alumnado e profesorado o que se encargue do mantemento e control do proceso da compostaxe dentro das prácticas curriculares. En calquera caso, o persoal técnico provincial da Deputación, sempre supervisará a actividade co fin de que se cumpran todos os parámetros de temperatura, aireación, trasfegas etc., para acadar un compost de calidade que despois sexa de utilidade para fertilizar os espazos verdes que se consideren.

O centro de compostaxe dará servizo e recibirá o lixo das 40 persoas que comen no comedor -con cociña- que existen nas instalacións de Lourizán. Así mesmo, implicará a implantación da recollida separada da fracción orgánica (a maiores de papel, vidro e envases lixeiros) na residencia e no resto do centro onde estudan traballan unhas cen persoas.

É interesante salientar que o alumnado da Escola de Lourizán xa se involucrou na instalación do propio centro de compostaxe comunitaria, xa que a plataforma base sobre a que se instalaron os módulos foi construída nas prácticas do alumnado antes do confinamento.

No centro de compostaxe a comunidade educativa poderá depositar todos os seus restos de comida (cociñada ou crúa: carne, peixe, ovos, arroz, pasta, froita, pasta, pan…), así como vexetais (céspede recen cortado, plantas de todo tipo…). Unha vez depositado o lixo orgánico deberán tapalo con estruturante, restos leñosos secos que estarán a disposición nunha saca ou nun caixón anexo. Todos estes datos, así como os parámetros básicos para o mantemento do composteiro, serán seguidos polo alumnado que se encargue do proceso.