Valga e outros cinco concellos do Salnés piden á Deputación subvencións para contratar mestres ou mestras compostadoras

Valga pretende incorporar unha persoa, Vilagarcía de Arousa dúas persoas, Sanxenxo unha e Meis, Meaño e Cambados outra de xeito compartido mediante a Mancomunidade


16 maio 2021
Mestres composteiros

A Deputación de Pontevedra acaba de recibir do Concello de Valga a solicitude de subvención para contratar unha nova mestra ou mestre compostador municipal co que reforzar o seu servizo actual e implantar a compostaxe como base da xestión global de residuos no municipio.

A Deputación concedeu ata o de agora ao Concello de Valga unha subvención para a consolidación do Plan Revitaliza no territorio que ascende a 239.384 euros e xa está a cofinanciar o pago do actual persoal de compostaxe. Grazas á subvención recibida, o Goberno local puido mercar, ademais do camión e do furgón entregados hai unhas semanas, unha trituradora, módulos para os centros de compostaxe comunitaria, realizar as obras das plataformas para instalar cos centros, material de traballo, caixóns de estruturante, 1.000 composteiros individuais e tamén material informativo para a veciñanza.

Segundo xa destacou o vicepresidente Mosquera, o Concello de Valga está a traballar na compostaxe dunha maneira moi satisfactoria, polo que a nova subvención contribuirá a que o proxecto de xestionar o lixo baseándose na compostaxe sexa un éxito aínda maior.

Por outro lado, os concellos revitaliza da comarca do Salnés solicitaron unha subvención para contratar unha nova mestra ou mestre compostador municipal co que reforzar o seu servizo actual e implantar a compostaxe como base da xestión global de residuos nos respectivos municipios.

Á solicitude ao Goberno provincial, segundo explica o vicepresidente, César Mosquera, fíxose de maneira individualizada por parte do Concello de Vilagarcía de Arousa, que solicita axuda económica para contratar a dúas persoas, e do Concello de Sanxenxo, que solicita incorporar unha ou un mestre composteiro. Por outra parte, os concellos de Meis, Cambados e Meaño fan a solicitude de maneira conxunta a través da Mancomunidade do Salnés, xa que consideran que cunha persoa será suficiente para as necesidades dos tres municipios.

O persoal contratado grazas ás axudas provinciais nesta última convocatoria de axudas pasará a formar parte do cadro de persoal municipal durante un prazo de tres anos e encargarase de desenvolver o modelo de xestión de lixo baseado na compostaxe, xestionando os centros de compostaxe comunitaria, revisando e controlando os composteiros individuais, e atendendo á cidadanía.

Segundo explica o vicepresidente, César Mosquera, a Xunta de Goberno aprobou a mediados de abril as bases da convocatoria para as subvencións. Trátase da terceira vez que a Deputación facilita a contratación de persoal aos concellos adheridos ao plan de compostaxe provincial, tendo outorgado na primeira convocatoria axudas para contratar trece postos técnicos e catorce na segunda. Nesta ocasión, e tralas consultas previas e mediante estudos de campo realizados polo persoal técnico provincial, estimábase que as necesidades de persoal nos concellos quedarían cubertas cun máximo de 15 novas mestras e mestres compostadores, mais finalmente as solicitudes (Oia, Ponteareas, O Porriño, Tomiño, Valga ademais do Salnés con Vilagarcía de arousa, Sanxenxo e Mancomunidade do Salnés) cubriranse con nove.

Ao igual que na anterior convocatoria, a Deputación subvencionará aos concellos o 100 % das retribucións dos mestres e mestras compostadoras o primeiro ano (12 meses). Tendo en conta os prazos para a tramitación do expediente, a subvención correspondente ao ano 2021 abarcará un período de seis meses, polo que o importe máximo do financiamento nesa anualidade de 2021 ascenderá á cantidade de 222.129,90 euros. O segundo ano a Deputación farase cargo do 50 % do custo laboral e o terceiro ano do 30 %.