O Revitaliza conmemora o Día da Educación Ambiental a piques de chegar aos 8.500 escolares nos seus obradoiros sobre compostaxe no 2020 e neste mes

O vicepresidente Mosquera asegura que as institucións deben facer cumprir a normativa ambiental "para que a cidadanía entenda e interiorice que o coidado do medio debe ir en serio"


26 xaneiro 2021
Impartindo unha clase do revitaliza

O Plan Revitaliza de compostaxe conmemora hoxe o Día Mundial da Educación Ambiental a piques de chegar aos 8.500 escolares (8.460) nos obradoiros sobre compostaxe realizados no pasado ano e no que vai deste 2021. Estas actividades promovidas pola Deputación en colaboración co CEIDA están achegando á rapazada –sempre cumprindo coas recomendacións antiCOVID-19– as nocións básicas para xestionar o lixo, un dos principais problemas ambientais a día de hoxe, dunha maneira máis sustentable para o planeta.

Nestas xornadas de formación, lúdicas e dinámicas, participaron ata o de agora 64 centros de ensino, aos que se sumaron tamén durante o verán 12 concellos. Hoxe mesmo, o persoal do CEIDA estivo na Escola de Educación Infantil Do Con en Moaña, con 18 nenas e nenos de Educación Infantil para falar do ‘Xardín dos bichocos'; no IES Poio con 40 alumnas e alumnos de 3.º da ESO explicando a microcompostaxe ; e tamén no IES As Bizocas do Grove, con 103 alumnas e alumnos de 1.º e 2.º da ESO, explicando nocións básicas sobre compostaxe. Os vindeiros días desta semana haberá actividades tamén en Vila de Cruces e Ponteareas.

Segundo explica o vicepresidente Mosquera, o proxecto do Revitaliza considerou sempre fundamental a educación ambiental como unha ferramenta para interpretar e comprender o actual problema que os concellos teñen co lixo urbano. Destacou a importancia das crianzas e dos centros de ensino na solución dos conflitos ambientais –"porque sabemos que ademais da súa concienciación ‘tiran' das persoas adultas" –, pero insistiu en que a solución pasa polo cambio de conduta xeral. "Sabemos que isto non só é cousa de nenas e nenos, debe haber unha implicación persoal, social, e sobre todo das administracións", resaltou.

Neste sentido, Mosquera reflexionou sobre a importancia de que as institucións fagan cumprir a vixente normativa ambiental. Destacou que existe lexislación a nivel europeo, estatal e autonómica sobre a obrigatoriedade de reciclar o 50 % dos residuos urbanos a finais de 2020, e destacou que como a día de hoxe ningún territorio cumpre nin está en visos de cumprir "parece que iso se está a silenciar e a mirar cara o outro lado porque se trata de algo ambiental".

O vicepresidente fixo fincapé en que é fundamental darlle relevancia e vixencia ás leis ambientais por parte dos gobernos, xa que só así a cidadanía poderá entender e interiorizar que o coidado do medio ambiente debe ir "en serio". "A nosa relación coa natureza ten impacto e consecuencias, unha repercusión que vai máis alá do momento actual, que afecta ao futuro. Estamos a falar de que se incumpre normativa, de contaminación, de gases de efecto invernadoiro… Por iso é relevante actuar xa", destacou, lembrando que os ‘Concellos Revitaliza' máis avanzados na extensión da compostaxe son dos mellor posicionados en todo o Estado para cumprir coas obrigas lexislativas en materia de residuos. "A COVID-19 complicou as cousas, pero estamos en situación de cumprir en breve", dixo.

Anunciou que a Deputación acelerará aínda máis o proceso de cambio de xestión do lixo para os concellos dispostos a actuar e implantar a compostaxe como pedra angular. "A fase de sensibilización didáctica rematou. Xa todos os concellos coñecen da fiabilidade e funcionamento do Revitaliza. Agora é tempo de que os concellos se incorporen e de dar un salto rápido. Fomos moi rápidos, pero temos que ser máis", indicou.

Fotos