O Consorcio de Residuos de Segovia fixa os seus ollos no Revitaliza como modelo para implantar na provincia castelá

O presidente e persoal técnico do ente dependente da Deputación de Segovia visitaron hoxe Pontevedra para comprobar a posible aplicación do modelo en terras da meseta


12 marzo 2020
Plan Revitaliza en Segovia

Representantes do Consorcio de Residuos de Segovia chegaron hoxe a Pontevedra para coñecer o Plan Revitaliza da Deputación. Nun encontro co asesor de residuos provincial Carlos Pérez e a técnica do Revitaliza María Martínez Abraldes, afirmaron que o modelo pontevedrés é perfectamente aplicable na provincia leonesa polo tratamento do lixo en proximidade e tamén porque concorda coa estratexia de crear empregos que fixan poboación no territorio.

O presidente do Consorcio Provincial de Medio Ambiente de Segovia, Mario Pastor de la Cruz, e a técnica María Teresa Herrero Encinas explicaron que coñeceron o proxecto do Revitaliza en varias reunións técnicas; a última nas xornadas de Composta en Red en Valladolid, nas que houbo unha presentación do proxecto por parte do asesor da Deputación Carlos Pérez. "Aí xa vimos que a proposta era cambiar totalmente o modelo que nós temos agora de recollida en todos os municipios por outra estratexia moito máis adaptada á nosa realidade, xa que tamén somos poboación moi dispersa" posto que Segovia conta con máis de 200 municipios e de 300 localidades na provincia. "Agora estamos no reto de cambiar o modelo", afirmaron.

Segundo aseguraron, o Plan Revitaliza é unha experiencia xa avanzada, "moi atractiva" e "innovadora para nós". Recoñeceron que a súa implantación supón asumir un risco forte pero que "xa está rodado", polo que insistiron no moito que lles interesa "coñecer toda esta experiencia, todo este esforzo que xa tedes feito e, na medida na que politicamente se poida asumir e apoiar, ver como podemos botala a rodar".

Logo de atender as explicacións de Carlos Pérez sobre as cifras de implantación na provincia de Pontevedra e de ver os resultados, os investimentos e as perspectivas de futuro, ademais de visitar varios centros de compostaxe comunitaria, ambos os representantes do Consorcio explicaron que unha das cuestións que máis lles interesa do Revitaliza é que aposta "por unha man de obra formada e cualificada que substitúe a loxística de vehículos e a estratexia de recollida dun modelo máis básico".

Na provincia de Segovia xa se realizara unha experiencia piloto de compostaxe doméstica que funcionou ben, pero quedou parada e non deu o paso a ser verdadeiramente unha estratexia municipal. Nestes momentos o Consorcio de Residuos de Segovia é un ente adscrito á Deputación segoviana que atende todos os concellos da provincia castelá. Está previsto que nos vindeiros meses se traslade tamén ata Pontevedra Elena Junco Ruíz, xefa do Servicio de Residuos y Suelos Contaminados da Xunta de Castela e León.