Gondomar inicia a repartición de preto dun cento de composteiros individuais do Plan Revitaliza

Persoal técnico da Deputación realizou unha charla de formación para explicar o funcionamento á veciñanza


18 febreiro 2020
Reparto de COINs

O Plan Revitaliza de compostaxe vai a repartir preto dun cento de composteiros individuais (COIN) no Concello de Gondomar. Esta semana realizouse a primeira repartición á veciñanza, estando convocadas 20 persoas para recibir unha charla de formación sobre a compostaxe de residuos orgánicos e recibir despois o composteiro.

Nos vindeiros días realizaranse outras convocatorias para que outros veciños e veciñas interesadas en participar na compostaxe dos residuos orgánicos xerados nas súas propias vivendas poidan acudir a unha entrega. Na primeira charla o persoal técnico da Deputación repartiu, ademais dos composteiros individuais, manuais de compostaxe, un remexedor, e un termómetro a cada representante de cada domicilio particular co fin de facilitar o proceso de compostaxe.

Tamén explicaron en que consiste o Plan Revitaliza da Deputación, como se composta, e algunhas cuestións prácticas como a importancia de situar ben o composteiro, de achegar suficiente estruturante para mesturar cos biorresiduos, e tamén de remexer periodicamente o material para airealo. Contestáronse algunhas dúbidas sobre que se pode botar no composteiro (todos os restos de comida crúa ou cociñada e vexetais) e a posible aparición de problemas de lentitude na produción do compost, que non se deben producir se se seguen as indicacións técnicas.

Ademais da repartición de composteiros individuais para domicilios particulares con horta, o Revitaliza dispón tamén de composteiros comunitarios para a veciñanza que vive en zonas máis densas de Gondomar. Actualmente, o plan provincial ten instalados dous composteiros, un deles no parque da Baixa Redonda de dez unidades modulares e outro, de recente instalación, no parque da Ánimas de seis unidades modulares. Grazas á alta participación da veciñanza próxima ó centro de compostaxe do parque das Ánimas será preciso unha ampliación do centro proximamente.

Por outra banda, o Concello de Gondomar ten solicitado á Deputación de Pontevedra a subvención para incorporar un mestre ou mestra composteiro como persoal propio municipal para que se encargue de levar a cabo todas as tarefas de seguimento dos centros comunitarios de compostaxe e das visitas de formación á veciñanza.

Nestes momentos, a Deputación ten en marcha o proceso selectivo para contratar ese persoal, que podería estar incorporado no Concello a mediados do vindeiro mes de marzo.