O Carlos Oroza aspira ao selo de Centro Saudable por compostar os seus residuos e pola súa horta ecolóxica

O centro de formación quere que a súa implicación no Plan Revitaliza sexa galardoada tamén co premio de Boas Prácticas do Ministerio de Educación


25 xullo 2019
Horta do Carlos Oroza

O Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza vai presentar a súa candidatura para optar ao distintivo ‘Selo Vida Saudable' que outorga o Ministerio de Educación pola relevancia do seu proxecto de compostaxe e da súa horta ecolóxica fertilizada co compost producido ao abeiro do Plan Revitaliza.

Segundo explica o director Manuel Hermo, nestes momentos o centro de hostalería está pendente tamén da resolución dun primeiro recoñecemento, o premio no Concurso Estatal de ‘Boas Prácticas' de centros docentes que concede a administración central. Esta distinción (xunto a unha retribución económica de 10.000 euros por proxecto) outórgase a aqueles centros docentes que imparten ensinos non universitarios e que desenvolven proxectos educativos que contribúen á mellora da calidade educativa como –por exemplo- o uso de tecnoloxías aplicadas á educación, a saúde integral, ou, neste caso, a xestión ambiental e sustentabilidade.

No caso do ‘Selo Vida Saudable', cuxa convocatoria abrirá a primeiros do vindeiro ano, o Ministerio outorga o distintivo de calidade por "promover a comprensión e valoración da importancia de preservar o medio ambiente polas repercusións que o mesmo ten sobre a saúde das persoas'.

O Carlos Oroza, con estas dúas candidaturas en marcha, pretende poñer en valor o tratamento en proximidade dos residuos orgánicos que se xeran nas cociñas do CIFP por parte do alumnado de maneira sustentable mediante a compostaxe, e a aplicación do compost resultante na produción de novos alimentos na horta e no invernadoiro, tamén xestionadas por estudantes, que finalmente acaban nos pratos das e dos comensais que acoden ao restaurante da escola.

O director Manuel Hermo explica que a aplicación da compostaxe no centro é "un valor engadido" grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra e á súa equipa técnica.  De feito, o CIFP participa do Revitaliza dende o inicio do plan provincial, cando Príncipe Felipe era un espazo de ‘ensaio' do modelo de xestión do lixo que se pretendía estender pola provincia.

"Para nós foi unha grande oportunidade ter un centro de compostaxe grazas ao plan provincial, posto que está perfectamente encadrado dentro dos nosos obxectivos e do proxecto educativo", apunta Hermo. "É unha obriga ensinar ao noso alumnado esa responsabilidade co medio ambiente, ese ir cara a unha hostalería e gastronomía sustentable e que isto, na medida das posibilidades, teña un impacto tanto dentro do centro e tamén nos lugares nos que o alumnado vai facer prácticas ou traballar", di.

Segundo afirma o director do Carlos Oroza, "cada vez a xente móvese na conciencia ecolóxica e está máis sensibilizada por correntes de alimentación saudable e sustentable, polo que se a hostalería en xeral fai un aproveitamento íntegro das materias primas e aproveitamento dos residuos para que sexan un recurso, obtense un valor engadido e tamén un prestixio importante de cara ás persoas usuarias dos establecementos".

Colleita da horta ecolóxica

Nestes días a horta ecolóxica fertilizada co compost dos centros de compostaxe do Revitaliza no Carlos Oroza está a comezar a dar os primeiros froitos da súa colleita. A horta, que ten uns 350 metros cadrados, divídese en bancais e un invernadoiro para os cultivos específicos. En total cultívanse medio cento de tipos de hortalizas (algunhas delas incorporadas nesta tempada), froitas e herbas segundo tempada, e agora estanse a recoller fundamentalmente tomates, xudías, pementos, acelgas, pepinos, amoras, framboesas, ou fisalis.

No inverno colléitanse repolos, cenorias, rabaniños, apio, allos porros ou grelos, entre outros. Toda esta produción é despois utilizada –boa parte é conxelada para poder utilizala durante o curso-  na oferta gastronómica do restaurante Álvaro Cunqueiro ou na cafetería Suso Domínguez do centro, que están abertos ao público. Tamén se reparten os produtos entre os colaboradores do crowfunding que permitiu ampliar a zona de cultivo.