Marín conta xa cos seus dous primeiros centros de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza

Hoxe rematou a instalación no Sequelo e mañá farase na Cañota, mais a posta en marcha agardará ata que se poidan realizar charlas de formación coa veciñanza


11 maio 2020
Centro de Compostaxe Comunitario de Marín

O Concello de Marín conta xa cos seus dous primeiros centros de compostaxe comunitaria ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación. No día de hoxe rematouse a instalación dun composteiro de seis módulos na zona do Sequelo e mañá finalizarase a obra do composteiro que dará servizo ao barrio da Cañota. A posta en marcha de ambos os dous equipos aínda non está fixada, xa que terá que agardar ata que o persoal técnico realice as charlas formativas para a veciñanza.

As persoas interesadas en compostar o seu lixo orgánico (restos de comida e vexetais) e que vivan a menos de 150 metros do composteiro ou sexan usuarias da horta urbana do Sequelo poderán apuntarse para participar na iniciativa tanto no departamento de Medio Ambiente do Concello de Marín coma nos contactos do propio Plan Revitaliza da Deputación, a pesar de que non poderán usar este composteiro de maneira inmediata. Ademais de crear unha lista de agarda para que, chegado o momento, se cite a todas as persoas apuntadas, o persoal técnico responsable de ambos os composteiros irá comunicándolle á veciñanza o momento no que se vaian dando os primeiros pasos para o funcionamento destes, sempre en función das posibilidades da desescalada e da volta á normalidade tras a crise sanitaria da COVID-19.

Coa instalación destes dous centros de compostaxe comunitaria Marín incorpórase ao grupo dos chamados "concellos Revitaliza" e fai que a totalidade dos municipios da comarca do Morrazo estean involucrados no plan provincial da Deputación. Nestes momentos, tanto o concello de Bueu coma os de Cangas, Moaña e Vilaboa teñen xa instalados un importante número de composteiros comunitarios e de composteiros individuais. De feito, este último concello está nunha fase moi avanzada de implantación do plan e é un dos pioneiros da provincia.

A intención da Deputación e do Concello de Marín ao instalar o centro de compostaxe comunitaria é tratar os biorresiduos de varias ducias de veciñas e veciños, así como de produtoras e produtores singulares de lixo, no mesmo lugar no que se producen –o que se denomina "tratamento en proximidade"– e así evitar que vaian ao colector verde tradicional, teñan que ser recollidos polo camión e transportados a Sogama para ser incinerados, co custo ambiental e económico que supón.

O centro de compostaxe comunitaria de Marín será atendido polo persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación para garantir un correcto funcionamento e obter compost de boa calidade unha vez pasados os correspondentes meses de maduración. O persoal técnico encargarase de supervisar que a veciñanza realice as achegas de lixo de maneira correcta e que este se tape coa cantidade axeitada de estruturante; de realizar as aireacións, medidas de temperatura e transvases entre os módulos de maduración, así como de controlar moitos outros parámetros do proceso de compostaxe, e de vixiar que non se introduzan no composteiro elementos que poderían baixar a calidade do futuro fertilizante.

Hai que lembrar que durante a corentena decretada polo estado de alarma todos os centros de compostaxe Revitaliza estiveron activos na provincia e incluso se duplicaron o número de achegas de biorresiduos da veciñanza.