Os bechos da compostaxe, ‘mascotas' das aulas no CEIP Xunqueira 1

A rapazada do centro de ensino está a realizar ao abeiro do Plan Revitaliza xogos e obradoiros para aprender a facer compost e visitará en marzo un centro de compostaxe comunitaria no campus universitario


20 febreiro 2019
Compostaxe A Xunqueira 1

O alumnado do CEIP Xunqueira 1 está a aprender moito de compostaxe e a familiarizarse con todo o proceso dende que o lixo orgánico se deposita no composteiro ata que se produce o compost final. Entre onte e hoxe foron ducias de escolares que participaron no obradoiro ‘Quen vive aí?', unha actividade organizada pola Deputación dentro do Plan Revitaliza dentro da programación prevista para o que resta do curso.

A rapazada descubriu a 'vida interior' dos composteiros e dos centros de compostaxe identificando a microfauna que habita neles (anélidos, colémbolos, pseudoescorpións, coleópteros…) e que participa activamente na descomposición dos restos orgánicos do lixo para facer un bo compost. A identificación dos vermes realizouse grazas a varias mostras de compost  con diferentes estados de maduración que as e os monitores do CEIDA achegaron ata o centro en caixas. Os nenos e nenas colleron os bechos eles mesmos incluso coas mans e observáronos con material de aumento. As xornadas non puideron ir mellor, xa que de berrar "Que asco, bechos!" as alumnas e alumnos pasaron a pedir á mestra que llos deixase adoptar como mascotas da clase.

As e os escolares do CEIP Xunqueira 1 veñen participando dende hai tempo nos obradoiros organizados pola Deputación para aprender de xeito lúdico en que consiste a compostaxe. Para o alumnado maior estanse a impartir as charlas ‘A voltas coa compostaxe', un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais. As e os máis pequenos (1º e 2º) participan en xogos entre os que destaca o ‘Xogo da miñoca', unha variación xigante da oca na que, formando equipos sentados no chan, resolven preguntas sobre como acadar un bo compost.

Ademais, todos os rapaces e rapazas reciben información sobre como se pon en marcha un composteiro no propio centro escolar e, finalmente realizarán unha visita ao centro de compostaxe comunitaria que a Deputación instalou nas inmediacións da facultade de Forestais. Alí, as e os mestres composteiros responsables explicarán o vindeiro 14 de marzo o funcionamento e os materiais que se poden botar no interior do centro de compostaxe para acabar convertidos en fertilizante natural.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades escolares da man dos monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) dentro do Plan Revitaliza. O obxectivo é concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.