A rapazada do IES Pintor Colmeiro de Silleda ‘inventa' actividades sobre compostaxe para concienciar sobre a súa importancia

O alumnado de 4º da ESO, a raíz dunha exposición do Revitaliza da Deputación, realizou mesas informativas, pasatempos, e incluso fixo de guía para as e os seus compañeiros doutros cursos


17 febreiro 2020
Plan Revitaliza

A rapazada do IES Pintor Colmeiro de Silleda está implicada ao 100% coa compostaxe. Durante varias xornadas o centro dispuxo da exposición que o Plan Revitaliza da Deputación leva polos centros de ensino da provincia de forma itinerante, pero as e os escolares de 4º da ESO non só quedaron en informarse cos seus contidos, senón que decidiron organizar por si propios actividades complementarias e divulgar a importancia de compostar entre as e os compañeiros.

O Plan Revitaliza da Deputación ten dispoñibles neste curso 2019-2020 tres copias da exposición sobre compostaxe para os centros educativos que participan no programa provincial de educación, formación e divulgación ‘A xestión de residuos na provincia de Pontevedra: a compostaxe – Fase V'. Cada unha delas está formada por nove paneis e busca sensibilizar sobre a problemática dos residuos informando dos distintos modelos de xestión dos mesmos con especial énfase na compostaxe da fracción orgánica. Así mesmo, da a coñecer o proxecto Revitaliza e a importancia da participación da cidadanía para o éxito desta iniciativa.

Esta exposición, que habitualmente se amosa nos centros participantes para servir de apoio a outras actividades, foi no caso do centro silledense a orixe de proxectos,

mesas informativas e experiencias prácticascoa axuda tamén do obradoiro ‘Quen vive aí?'. As e os rapaces tamén fixeron de guías sobre a mostra para o alumnado de 1º da ESO, explicando en que consiste compostar, que se pode e non se pode compostar e outros moitos aspectos da compostaxe e dos residuos en xeral.

O Concello de Silleda está a dar, pola súa banda, os seus primeiros pasos na compostaxe, xa que conta cun só centro de compostaxe comunitaria instalado para que a veciñanza deposite os seus biorresiduos (restos de comida e vexetais).

Fotos