O Revitaliza financia dous novos vehículos para o servizo de compostaxe de Valga

O vicepresidente, Mosquera, participou hoxe no acto de entrega e destacou que o concello "pode ser exemplo na zona de como se fan as cousas ben"


27 abril 2021
Vehículos revitaliza

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra acaba de financiar a adquisición por parte do Concello de Valga de dous camións destinados ao servizo de Compostaxe do concello. O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, e o alcalde, José María Bello Maneiro, participaron esta mañá no acto de entrega.

O vicepresidente salientou que a Deputación colaborará decididamente con todos os concellos que aposten por mellorar o seu sistema de xestión de lixo, facilitando tanto as axudas económicas precisas como tamén o soporte técnico e o asesoramento necesario para levar o programa de compostaxe adiante. "Valga pode ser un bo exemplo na zona de como se fan as cousas ben", dixo, para lembrar que é un dos poucos concellos da provincia preparados para cumprir coas esixencias ambientais da normativa europea, estatal e autonómica.

Os dous novos vehículos son un camión carrozado con grúa e un furgón con remolque supuxeron un investimento de 100.000 euros e foron subministrados pola empresa Talleres Santiago Iglesias S. L. O camión permitirá o traslado por arrastre da máquina trituradora de biomasa que o Concello adquiriu tamén ao abeiro do Revitaliza. Ademais, este vehículo empregarase para o traslado do material estruturante (restos leñosos secos que é preciso mesturar co lixo orgánico domiciliario na compostaxe), así como pólas e demais restos vexetais para a súa trituración, facilitando e axilizando a distribución do material necesario para que o proceso de compostaxe se leve a cabo correctamente tanto nos centros de compostaxe comunitaria como nos composteiros individuais que se están a repartir polo concello.

Por outra parte, o furgón con remolque será empregado pola mestra composteira contratada grazas ás axudas da Deputación para os seus desprazamentos aos domicilios da veciñanza co fin de realizar o seguimento dos composteiros individuais.

O alcalde explicou durante o acto de entrega que a súa adquisición resultaba "imprescindible para o bo funcionamento do programa de compostaxe" que se está a implantar en Valga desde hai meses e que "está a funcionar moi ben". Lembrou que xa se entregaron máis de 900 composteiros individuais entre a veciñanza e se instalaron tres centros de compostaxe comunitarios na avenida da Coruña, no colexio de Baño e na rúa Doutor de Oya Salgueiro.

A Deputación concedeu ao Concello de Valga unha subvención inicial para a consolidación do Plan Revitaliza no territorio que ascende a 239.384 euros. Así mesmo, está cofinanciar o pago do persoal de compostaxe durante tres anos, facéndose cargo na primeira anualidade do 100 %, na segunda do 50 % e na terceira do 30 %.

Grazas á subvención recibida, o Concello de Valga puido mercar, ademais do camión e do furgón entregados hoxe unha trituradora, módulos para os centros de compostaxe comunitaria, realizar as obras das plataformas para instalar cos centros, material de traballo, caixóns de estruturante, 1.000 composteiros individuais e tamén material informativo para a veciñanza.