Redondela, novo destino para a carpa Revitaliza de compostaxe

Mestras e mestres compostadores da Deputación estarán este xoves diante do Concello para informar, repartir compost e plantas


08 outubro 2019
Carpa Revitaliza

As mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra recalarán este xoves en Redondela na súa xira informativa sobre compostaxe pola provincia. A carpa do Revitaliza instalarase nas inmediacións do Concello e alí toda a veciñanza que estea interesada poderá coñecer en que consiste a compostaxe e incluso tamén apuntarse para poder dispoñer dun composteiro individual co que transformar o lixo orgánico en compost.

No punto informativo do Revitaliza a veciñanza tamén poderá recoller unha mostra de compost e unha planta aromática ou ornamental, así como diferente material divulgativo e de concienciación para que compostar no fogar sexa aínda máis sinxelo (imáns, guías, bolsas…).

Este evento promovido pola Deputación de Pontevedra pretende completar as xornadas informativas sobre compostaxe domiciliaria que estes días está a realizar o persoal técnico provincial en colaboración co Concello no multiusos da Xunqueira. Alí lévanse realizado xa varias reunións sobre como realizar compostaxe doméstica cun composteiro individual nas casas que dispoñen de horta. Ata o de agora realizáronse dous encontros (o 30 de setembro e o 4 de outubro), hoxe pola tarde haberá outro, e finalmente realizarase outro o vindeiro xoves 10 de outubro, ás 11 horas, no mesmo multiusos.

Todas aquelas veciñas e veciños que non poidan asistir a estas reunións mais estean interesados na compostaxe poderán achegarse tamén o vindeiro xoves, entre as 10 e as 13 horas, á carpa do Revitaliza. Alí o persoal respostará a todas as súas dúbidas.

Nas dúas semanas que o punto informativo leva percorrendo a provincia os resultados de adhesións individuais ao plan provincial están a ser moi bos, xa que son decenas de veciños e veciñas as que teñen solicitado un composteiro para o seu domicilio. No día de hoxe o persoal técnico estivo en Gondomar, e pasado mañá estará en Pontevedra.

As actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de dinamización e impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegando de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.