Rapazada de Poio e Redondela visita os centros de compostaxe comunitaria para aprender como se fai compost cos biorresiduos que se producen nas casas

Alumnos e alumnas do CEIP Reboreda e do IES Poio xa realizaron obradoiros e recibiron charlas formativas


22 marzo 2021
Visita a centro de compostaxe

Escolares do CEIP Reboreda de Redondela e de 4º da ESO do IES Poio visitaron hoxe e tamén a semana pasada varios centros de compostaxe do Plan Revitaliza da Deputación instalados nos seus respectivos municipios. Os rapaces e rapazas aprenderon sobre como o lixo orgánico se converte en compost grazas ás explicacións das monitoras e monitores do CEIDA e do plantel do Revitaliza, que indicaron como é preciso separar o lixo na cociña,  como se fan as achegas ao composteiro e se tapan co estruturante, e falaron do traballo das mestras e mestres composteiras.

A rapazada do CEIP Reboreda e do IES Poio realizaron estas visitas aos centros de compostaxe comunitaria como complemento ás charlas, obradoiros e xogos que solicitaron os seus centros educativos ao Revitaliza co fin de familiarizarse con este modelo de xestión de residuos.  No caso do alumnado de Reboreda tamén se desprazaron ao punto de acopio de estruturante (material leñoso e de poda que se debe mesturar co lixo orgánico producido nas vivendas) para coñecer como se fai o triturado e saber que alí pode ir collelo calquera veciña ou veciño que o precise.

A Deputación de Pontevedra leva varios anos realizando estas actividades nos centros escolares da provincia da man do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia). O obxectivo é concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.