A Deputación distingue co ‘selo Revitaliza' seis centros de ensino en Redondela por "compostar de maneira responsable"

Os centros de ensino de San Pedro de Cesantes, Cedeira, Santa Mariña, Porto Cabeiro, Reboreda e o instituto Pedro Floriani dispoñen de centros de compostaxe asociados a hortas escolares


01 marzo 2023
Selo Revitaliza, seis centros de ensino en Redondela por compostar de maneira responsable

A Deputación de Pontevedra vén de distinguir co ‘selo Revitaliza' a seis centros de ensino do concello de Redondela por compostar de maneira responsable o seu lixo orgánico: a Escola de Educación Infantil San Pedro de Cesantes, o CEIP de Cedeira, o CEP Santa Mariña, os CEIP Plurilingües Porto Cabeiro e de Reboreda e o Instituto de Ensino Secundario Pedro Floriani. Todos eles dispoñen de centros de compostaxe asociados a hortas escolares e as súas candidaturas cumpriron todos os requirimentos de calidade e boas prácticas esixidos polo departamento provincial.

O vicepresidente César Mosquera, responsable do Plan Revitaliza, deu os parabéns aos colexios e lembrou que os negocios, colexios ou entidades de calquera tipo que teñan un "excelente en compostaxe" por cumprir os parámetros establecidos polo persoal do Plan Revitaliza poderán lucir nas súas portas os anagramas do Revitaliza, e tamén o distintivo personalizado, tal e como se fai con outras redes de calidade (Michelín,  Tripadvisor...).

Os galardóns foron entregados esta semana dende o Concello de Redondela, quen presentou as candidaturas, validadas logo da supervisión do persoal técnico da equipa Revitaliza. Hai que lembrar que os distintivos pretenden recoñecer tanto a produtores singulares (restaurantes, comercios ou outro tipo de entidades) que actúen de maneira responsable e convertan os biorresiduos de cociña e outros residuos orgánicos -como os procedentes de comedores, merendas, xardíns e podas- nunha materia prima (compost) que servirá para alimentar os solos e pechar o círculo que, nun futuro, reverterá en novos alimentos.

A Deputación de Pontevedra dentro do marco da Estratexia da Economía Circular actúa neste sentido como acreditadora da idoneidade na xestión dos residuos orgánicos e biorresiduos producidos  no ámbito da aplicación do "quilómetro cero". De feito, a intención é que se vexa –neste caso por parte das crianzas dos centros de ensino- como a economía circular da fracción orgánica a nivel local xera beneficios para a contorna local xa que a utilización do compost aumenta a biodiversidade, a fertilidade dos solos e a capacidade de reter auga, e globalmente contribúe na redución das emisións de gases de efectos invernadoiro mediante a retención do carbono.

No caso de Redondela, a equipa que concedeu os distintivos destacoue da EEI de San Pedro de Cesantes que se trata dunha unitaria que ten asociado o composteiro a unha pequena horta, onde o alumnado xa dende ben cativo vive, aprende e experimenta o proceso da recirculación da fracción orgánica usando nos seus cultivos ese compost que crean de forma paralela ao seu grande compromiso coa reciclaxe.

Do CEIP de Cedeira sublíñase que é un dos que leva xa una longa traxectoria de traballo co alumnado tanto na compostaxe -teñen un total de 3 composteiros en funcionamento- como tamén en todo o relativo á separativa das diferentes fraccións de residuos no propio centro.

No CEP Santa Mariña, logo dunhas xornadas municipais sobre xestión dos residuos, animáronse a introducir a compostaxe na súa práctica educativa. Teñen un composteiro asociado a unha horta que coidan con moito esmero. No CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro dispoñen de dúas unidades de compostaxe distribuídas nos dous patios de recreo que ten o centro. No acceso a un dos patios, onde teñen ubicado un dos composteiros, teñen tamén instalada tamén unha horta onde fan uso do compost obtido.

No CEIP Plurilingüe de Reboreda teñen instalados tres composteiros. Actualmente están operativos dous deles tras ter utilizado o compost do terceiro ao principio do curso na preparación dos bancais que teñen na parte central do edificio. Teñen instalados pequenos colectores nos patios onde depositar os restos da fracción orgánica das merendas que o alumnado mesmo se encarga de levar aos composteiros.

Finalmente, o IES Pedro Floriani ten "unha práctica de excelencia" en relación á compostaxe. As actividades de concienciación ambiental sempre tiveron moi boa acollida no centro e o profesorado do departamento de Bioloxía traballa coa rapazada de maneira moi activa. Dispoñen de tres unidades de compostaxe que funcionan a pleno rendemento e recentemente pediron colaboración para o triturado de pólas das árbores do centro para utilizar como estruturante e paus titores para a súa horta.