Cuntis conta xa co seu primeiro centro de compostaxe comunitaria ao abeiro do Plan Revitaliza

Xa se rematou a instalación na rúa da Presiña e iniciarase a actividade coas achegas de lixo implicando á veciñanza da contorna de maneira progresiva


15 maio 2020
CCC de Cuntis

O Concello de Cuntis conta xa co seu primeiro centro de compostaxe comunitaria ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación. Nestes días rematouse a instalación preto da aula CeMiT de informática (na rúa da Presiña), e o persoal técnico provincial, as mestras e mestres composteiros, iniciarán unha campaña de buzoneo informativo entre a veciñanza para implicala progresivamente e, quen queira iniciarse na compostaxe, poida facelo achegando o seu lixo orgánico.

Segundo explica a técnica responsable da área, Estefanía Alfonsín, as persoas interesadas en compostar os seus restos de comida e vexetais e que vivan na contorna do composteiro poderán participar na iniciativa de xeito inminente, sempre tendo en conta as indicacións xerais de hixiene nestes momentos da COVID-19 (distanciamento, utilización de mascarillas, hixiene de mans…).

Para informar á veciñanza, ademais do buzoneo con folletos que se realizará dende o vindeiro luns, está previsto tamén facer unha campaña porta a porta, xa que polo de agora prefírese evitar a formación de grupos de veciños e veciñas por xunto debido á crise sanitaria. Hai que lembrar que a compostaxe nos centros comunitarios do Revitaliza ten "garantía de xestión segura", xa que no proceso de compostar elimínanse todos os patóxenos existentes nos biorresiduos que se achegan grazas ás importantes temperaturas que se alcanzan. De feito, considérase que este modelo de tratamento e xestión de lixo é incluso máis seguro que o ordinario dos colectores, onde o lixo permanece a temperatura ambiente.

O centro de compostaxe comunitaria de Cuntis será atendido polo persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación para garantir un correcto funcionamento e obter compost de boa calidade. Este encargarase de supervisar que a veciñanza realiza as achegas de lixo de maneira correcta, que se tapa este coa axeitada cantidade de estruturante, de realizar as aireacións, medidas de temperatura e trasvases entre os módulos de maduración, así como de controlar moitos outros parámetros do proceso de compostaxe, e vixiar que non se introducen na composteira elementos que poderían baixar a calidade do futuro fertilizante.

No centro de compostaxe a veciñaza poderá depositar todos os seus restos de comida (cociñada ou crúa: carne, peixe, ovos, arroz, pasta, froita, pasta, pan…), así como vexetais (céspede recén curtado, plantas de todo tipo…). Unha vez depositado o lixo orgánico no caixón marcado e habilitado polos mestres e mestras composteiras é necesario tapar  con estruturante, restos leñosos secos que estarán a disposición nunha saca ou nun caixón anexo.  Por último é preciso deixar ben pechada a tapa e, no caso de ter utilizado unha bolsa plástica para trasladar os residuos, tirala no colector amarelo logo de baleirala dentro do CCC. Nunca se pode deixar o lixo orgánico en bolsa dentro do composteiro.

Durante a corentena decretada polo estado de alarma todos os centros de compostaxe Revitaliza estiveron activos na provincia e incluso duplicaron o número de achegas de biorresiduos da veciñanza, polo que se trata dun modelo que se está consolidando como seguro e de confianza, ademais de moito máis ecolóxico e económico.