A Deputación asumirá máis do 50% do custe da inspección de residuos dos concellos que se adhiran ao corpo de control do Revitaliza

A presidenta Silva fala dun "enorme esforzo económico" e o vicepresidente Mosquera prevé unha "catarata de peticións de convenio" para cumprir as obrigas da nova lexislación


29 marzo 2022
Servizo de Inspección de Residuos

A Deputación de Pontevedra vai asumir máis do 50% do custe da posta en marcha da inspección de residuos dos concellos que se adhiran ao corpo provincial de control do Revitaliza. Así o asegurou hoxe o vicepresidente César Mosquera nunha reunión de traballo con representantes locais, na que anunciou ademais que os municipios que cumpran e avancen nos obxectivos de reciclaxe beneficiaranse tamén de máis bonificacións acumulativas sobre a axuda básica.    

Mosquera explicou que a inspección do servizo de residuos é unha obriga legal incluída na nova lexislación e subliñou que "ademais está demostrado que é a única maneira de poder cumprir os obxectivos de reciclaxe". Apuntou que a Deputación fixo unha proposta de organizar esta inspección cunhas "condicións moi favorables" para os concellos da provincia, dos que 22 xa amosaron o seu interese en tomar parte da iniciativa.

"As e os asistentes amosaron interese e en principio ninguén puxo en dúbida que a oferta da Deputación era moi xenerosa en consonancia co compromiso que temos para mellorar a xestión dos residuos. Agardo unha catarata de peticións de convenio", dixo o nacionalista tras saír do encontro.

Pola súa banda presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou que "poñemos a disposición dos 22 concellos non só un instrumento de apoio senón tamén poder aproveitar todo o positivo desta transformación que se vai dar na xestión de residuos.  A presidenta falou das normativas que "moitas veces se aproban sen contar co mundo local pero que logo van a ter influencia nel xa que supoñen máis custos económicos e a necesidade de recursos materiais e persoais", como é o caso do novo marco lexislativo en materia de residuos. Por iso aplaudiu o "enorme esforzo" do goberno provincial para "adiantarse ao que vai a acontecer no futuro próximo, o que é unha mostra de intelixencia, coa posta en marcha do servizo de inspección de residuos que permita que esta provincia sexa unha referencia, que xa o somos co Revitaliza".

Condicións

O vicepresidente explicou que a Deputación farase cargo da totalidade do financiamento da inspección neste 2022, do 60% no exercicio de 2023; e do 25% en 2024. Por sumarse ao Servizo de Inspección antes do 31 de xullo de 2022 os gobernos locais terán 10% máis de bonificación (70% no 2023 e 35% no 2024 e seguintes); outro 15% por acadar os obxectivos fixados na normativa en canto a preparación para a reutilización e reciclaxe; e igual porcentaxe de bonificación que de avance na medida que se vaian dando pasos para conseguir os obxectivos aínda que non se cumpran. Todas as primas serán acumulativas.

O máximo de custe por habitante e ano será de tres euros, dos que os concellos só pagarían unha pequena parte. Prevese que o corpo provincial alcance un inspector/a por cada 20.000 habitantes, cun total de entre 12 e 14. "Estamos diante dun bo servizo. Non hai inspección desta potencia en todo o Estado", salientou Mosquera, quen destacou que "igual que co Revitaliza fomos pioneiros porque non había antecedentes, con isto tamén agardamos abrir camiño e abrilo ben".

Para plasmar xuridicamente a colaboración entre Deputación e concellos -mediante encomenda de xestión- asinaranse convenios bilaterais. Unha vez en marcha administrativamente, o cronograma de inicio de actividade do corpo provincial incluirá unha formación inicial do persoal para despois comezar unha fase de sensibilización dos xeradores de residuos, pasar a controis anunciados e finalmente xa facer controis e inspeccións por sorpresa.

O obxecto das inspección serán os xeradores de residuos "non domicilios" (institucións, centros educativos e sanitarios, comercios, restauración, centros asistenciais...) e as instalación fixas do sistema municipal (punto limpo, puntos verdes, plantas de compostaxe municipais e similares), quedando excluídas a recollida e transporte a planta supramunicipal.

Mosquera insistiu en que o obxectivo do corpo de inspección é mellorar e ordenar a xestión dos residuos e acadar unha cultura de cumprimento nos xeradores de lixo sen obxectivo de recadación. "As sancións ingresaríanas os concellos, pero que ningún concello pense que vai financiar o servizo coas sancións. Haberá ingresos pero non para tanto", advertiu.

Polo de agora están adheridos á proposta de participar no novo corpo de inspección da Deputación os concellos de A Lama, Barro e Poio na comarca de Pontevedra; Meaño, Meis e Vilagarcía no Salnés; Bueu, Cangas e Moaña como mancomunidade no Morrazo; Valga na comarca de Caldas; Baiona e Gondomar no Val Miñor; Mondariz Balneario, Ponteareas, e Salvaterra no Condado Paradanta; O Rosal e Tomiño no Baixo Miño; Redondela, Pazos de Borbén, Soutomaior e Salceda na área de Vigo; e Silleda no Deza-Tabeirós. Asistiron á reunión para informarse representantes de O Grove, Tui ou Ribadumia, entre outros.

Obxectivos

Segundo destacou Mosquera, a nova normativa de residuos abandona definitivamente o "buenismo", a suposición de que mediante campañas de sensibilización e iniciativas puntuais se vai acadar un tratamento correcto dos residuos. "Supérase a fase de ‘voluntariedade' para pasar á fase de obrigatoriedade. Polo tanto, pásase a una nova fase. Sensibilización si, pero con uns obxectivos numéricos, cuantitativos, claros, ben definidos e, o máis relevante, de obrigado cumprimento", insistiu.

Os residuos municipais destinados á reutilización e a reciclaxe das fraccións (papel, metais, vidro, plástico, biorresiduos ) debían alcanzar, no seu conxunto, o 50 % en peso no ano 2020, o 55 % no ano 2025, o 60 % no ano 2030 e o 65% no ano 2035. Haberá sancións polos incumprimentos dos obxectivos e cada concello por si mesmo, salvo modificacións da Xunta, terá que cumprir os obxectivos concretos.

O vicepresidente lembrou que a Deputación inxectará recursos "en boa cantidade" para material e instalacións que incidan na xestión de residuos, pero subliñou que "estarán condicionados á aprobación da Ordenanza de Servizo e a existencia de Inspección real", xa ben propia de cada concello ou a provincial do Revitaliza. "Concentraremos os esforzos nos concellos que decidan cumprir. Todas as nosas actuacións estarán dirixidas a axudar aos concellos a cumprir obxectivos", finalizou.

Finalmente, Mosquera anunciou que a Deputación xa ten organizada a viaxe a Cataluña para dar a coñecer aos concellos da provincia o sistema de recollida de residuos ‘porta a porta' e a fórmula de agrocompostaxe pola que está a apostar a Generalitat de Catalunya. Será a última semana de maio e a institución provincial correrá cos gastos de viaxe, aloxamento e manutención das persoas designadas polos concellos interesados.