A Deputación mantén en normal funcionamento todos os centros de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza

O vicepresidente destaca que o tratamento de residuos é un servizo básico que será atendido polas mestras e mestres composteiros


16 marzo 2020
Centro de Compostaxe Comunitaria

A Deputación de Pontevedra manterá en normal funcionamento os centros de compostaxe comunitaria (CCC) que dependen directamente do Plan Revitaliza. Segundo explicou hoxe o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, a pesar da crise sanitaria do COVID-19, o tratamento de residuos considérase un servizo básico, polo que as instalacións do Revitaliza seguirán a ser atendidas por equipos de mestras e mestres composteiros co fin de garantir a súa correcta actividade. Así mesmo, desde a Deputación garánteselle á cidadanía a seguridade do modelo incluso por riba dos sistemas tradicionais.

Os centros de compostaxe comunitaria que se manteñen en activo son os situados nos concellos que están na Liña 1 (fase demostrativa) que non teñan mestras nin mestres composteiros propios e nos concellos que están na Liña 2 (implantación extensiva da compostaxe) de nova incorporación que tampouco teñan mestras nin mestres propios, así coma os pertencentes aos concellos veteranos. Estarán atendidos pola Deputación un total de 80 CCC pertencentes aos concellos de Lalín (1), Cerdedo-Cotobade (1), Vilagarcía (2), Portas (1), Campo Lameiro (1), Barro (1), Ribadumia (2), Caldas (4), O Grove (10), Sanxenxo (1), Redondela (1), Vilaboa (10), Cangas (3), Bueu (2), Ponteareas (2), Mondariz (13), Mondariz-Balneario (7), As Neves (5), Gondomar (2), O Porriño (1), Salceda de Caselas (5), Oia (2) e Tui (3).

No caso de concellos nos que haxa CCC non dependentes da Deputación, como é o caso de Pontevedra, o consello do persoal técnico provincial é que as administracións responsables os manteñan abertos e atendidos para seguir garantíndolle ese servizo á poboación, aínda que sexa con servizos mínimos.

Tanto o asesor de residuos, Carlos Pérez, coma o propio vicepresidente, César Mosquera, manifestaron o seu compromiso coa seguridade da compostaxe para a veciñanza. O técnico destacou que, polas características propias do proceso de compostaxe, calquera virus ou outro patóxeno presente nos residuos que se traten é eliminado e hixienizado. "Os virus non soportan temperaturas maiores de 42 ºC, xa que nesas condicións morren. No caso dos centros de compostaxe alcánzanse temperaturas maiores a 55 ºC e sostéñense no tempo, polo que a posibilidade de infección directa é practicamente nula", explicou Pérez.

Mosquera destacou, pola súa parte, que se existe un sistema con menos posibilidades de contaxio é a compostaxe, incluso por riba dos sistemas tradicionais. "Se o lixo vén dunha persoa que poida estar infectada, o proceso da compostaxe hixienízao, o que é mellor que que os residuos estean en bolsas a temperatura ambiente", afirmou.

En calquera caso, seguindo os protocolos de prevención, e co fin de evitar posibles contaminacións cruzadas na manipulación de obxectos, todo o persoal –mestras e mestras composteiros– tomará precaucións e manterá sempre as mans cubertas para realizar as súas tarefas. Na mesma liña, tal e como rexe na utilización de elementos comúns, recoméndaselles ás persoas usuarias que empreguen luvas para abrir e pechar as tapas dos composteiros e do estruturante.