O Revitaliza inicia o curso nos centros de ensino coas súas actividades didácticas adaptadas ao "momento COVID-19"

Persoal do CEIDA xa visitou o CEIP Atín-Cela en Mos, e esta semana traballará co alumnado da EEI de Curro en Barro e do CEIP Nosa Señora dos Remedios en Ponteareas


03 novembro 2020
Alumnos e alumnas asisten as explicacións de un técnico de revitaliza

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra acaba de iniciar oficialmente o seu curso nos centros de ensino da provincia coas actividades didácticas sobre compostaxe adaptadas ao ‘momento COVID-19'. Os obradoiros e charlas xa comezaron a semana pasada no CEIP Atín-Cela de Mos, e continuarán esta na EEI de Curro, en Barro, e no CEIP Nosa Señora dos Remedios en Ponteareas.

As actividades dispoñibles poden consultarse na web revitaliza.depo.gal, e consisten fundamentalmente en propostas presenciais "atractivas" para o alumnado a pesares da pandemia. A grandes liñas mantense o proxecto educativo coas mesmas actividades do curso pasado, pero sendo o máis demostrativas posible e sen movementos e interaccións entre as e os participantes, dividindo os grupos noutros mais pequenos no caso de ser necesario, e ampliando o número de persoal de monitorado, cunha proposta o mais personalizada posible, tanto na duración, número de participantes, espazos a empregar e circunstancias de cada centro, sempre atendendo á normativa e protocolos de Sanidade e Ensino de cada momento.

Ata o de agora pasaron polas actividades lúdicas do Revitaliza realizadas a través do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) máis de 30.000 alumnas e alumnos, que coñeceron a compostaxe e concienciáronse da necesidade de tratar os residuos de maneira ambientalmente sustentable.

A pesares do parón motivado pola suspensión de clases no pasado mes de marzo derivado da pandemia, o interese polo programa está claramente ‘in crescendo', sendo solicitado incluso polos concellos para os seus obradoiros e campamentos de verán. Nestes momentos están recibíndose tamén bastante solicitudes por parte dos centros do ensino, aínda que con prudencia e nun ritmo menor a outros cursos.

Petición da rapazada ao Concello de Mos para entrar no Revitaliza

O primeiro centro en solicitar as actividades para este curso foi o CEIP Atín-Cela de Mos, onde se desenvolveu unha charla a pasada semana para o alumnado dos cursos de 5.º e 6.º de Primaria. Tanto o centro como as rapazas e rapaces amosaron moito interese pola compostaxe, tendo feito xa o ano pasado outros obradoiros de iniciación. Entón o persoal técnico do CEIDA ensinou os principios básicos da compostaxe e, dado que o colexio ten comedor, comezaron a facer compost xerando bastante volume. De feito, a día de hoxe, teñen varios composteiros, algúns deles de compostaxe estándar e outros de vermicompostaxe con miñocas vermellas.

Nas actividades iniciadas este ano, o alumnado perfeccionou os datos de como se debe facer a selección de lixo, a xestión dos residuos, a compostaxe e coñeceu máis datos do Revitaliza. A xornada, ademais, tivo unha parte práctica na que se comprobou como se aproveita o compost unha vez se retira da parte baixa do composteiro e é peneirado. "Tedes un compost de calidade fantástica", animounos o técnico do Revitaliza.

A actividade foi moi distendida e a rapazada lembrou a súa grande implicación, xa que o ano pasado pedira formalmente ao Concello de Mos (que non forma parte dos Concellos Revitaliza) que se adherira ao plan provincial co obxectivo de que toda a veciñanza poida compostar o lixo dos seus domicilios.

Xa esta semana, o persoal do Revitaliza irá aos concellos de Barro, á EEI de Curro, onde traballará co alumnado de Infantil coa actividade Os Bichocos e a Composteca, e a Ponteareas, onde estará no CEIP Nosa Señora dos Remedios, coa rapazada de 5.º e 6.º de Primaria, para poñer en marcha un composteiro e aprender a teoría da compostaxe.

Fotos