A carpa Revitaliza de compostaxe chega este venres a Pontevedra

A praza da Peregrina acollerá entre as 10 e as 13 horas un punto informativo no que se repartirá material divulgativo e plantas


08 outubro 2019
Carpa Revitaliza

A carpa informativa do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra chegará este venres á capital da provincia para falar de compostaxe coa veciñanza e animala a compostar os seus biorresiduos tanto nos centros comunitarios da cidade como en composteiros individuais nas hortas das súas propias vivendas. Unha equipa de mestras e mestres composteiros estarán a disposición da cidadanía no punto informativo que se instalará na praza da Peregrina entre as 10 e as 13 horas.

Alí, o persoal técnico dará a coñecer todos os beneficios do modelo de xestión do lixo baseado na compostaxe que promove tanto a Deputación como o Concello e que pretende facer cumprir os obxectivos de reutilización e reciclaxe fixados na normativa europea, estatal e autonómica. Lembrarán que é precisa a colaboración da cidadanía e a súa concienciación e responsabilidade ambiental para ter o aprobado antes da data límite marcada pola UE, o 2020 no caso da recollida do 50 % dos residuos preparados para reciclar e reutilizar e no 2023 para a recollida do 100 % dos biorresiduos de xeito separado.

As mestras e mestres composteiros explicarán en que consiste a compostaxe comunitaria e individual, amosando detalles de todo o proceso desde que o lixo orgánico (restos de comidas e vexetais) se xeran na casa ata que finalmente se produce o compost. Apuntarán que todo o lixo orgánico (restos de vexetais, peixe e carne), tanto de cociñados como sen cociñar, son axeitados para facer compost, e advertirán da importancia de mesturar con estrutúrante eses restos para que o proceso saia correctamente. Tamén atenderán calquera dúbida que xurda .

Todos aquelas persoas que xa coñezan o modelo da compostaxe e ‘dominen' teoría e práctica, ademais, poderán poñerse a proba e participar nos xogos de preguntas e respostas que están preparados na carpa. De contestar correctamente poderán recibir unha planta aromática ou ornamental (herba luisa, menta, sempervivum…) ou diferente material divulgativo e de concienciación do Revitaliza para que compostar no fogar sexa aínda máis sinxelo (imáns, guías, bolsas…).

Este evento promovido pola Deputación de Pontevedra pretende completar as xornadas informativas e de formación sobre compostaxe domiciliaria que nas últimas semanas está a realizar o Concello de Pontevedra nas parroquias do rural. Todas aquelas veciñas e veciños que non poidan asistir a estas reunións mais teñan interese na compostaxe poderán achegarse ata a carpa e deixar o seu nome como persoas interesadas en ter un composteiro individual para a súa horta ou participar da compostaxe comunitaria.

Nas dúas semanas que o punto informativo leva percorrendo a provincia os resultados de adhesións individuais ao plan provincial están a ser moi bos, xa que son ducias de veciños e veciñas as que teñen solicitado un composteiro para o seu domicilio nos concellos de Mondariz, As Neves, Salceda, Baiona, ou Tomiño, entre outros. Mañá a carpa Revitaliza estará en Redondela, o venres en Pontevedra e a semana próxima pasará a Ponteareas, Barro, Poio ou Campo Lameiro.

Estas actividades divulgativas organizadas polo Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegando de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que compostar supón aproveitar o lixo como un recurso, isto é, dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular.