Compostaxe Individual

Que é?

A autocompostaxe individual supón o aproveitamento dos biorresiduos domésticos –restos de comida e vexetais- nun domicilio particular ou nun recinto de acceso restrinxido.

Os produtores dos restos orgánicos son os encargados de realizar as aportacións de biorresiduos ao composteiro, do seu mantemento -coa formación e asesoramento de persoal cualificado-, e do aproveitamento do compost final.

Se estás interesado en compostar consulta se o teu concello está adherido ao Plan Revitaliza, xa que a Deputación de Pontevedra está a repartir ao abeiro do plan composteiros individuais para familias que dispoñen de casas con horta ou terrazas axeitadas. Recibirás todos os materiais e a información precisa para poñer en marcha o teu composteiro individual.

Como composto?

Para obter un bo compost é preciso mesturar variedade de materiais orgánicos ou biorresiduos: frescos e húmidos (restos de comida ou céspede) con materiais secos (pólas trituradas ou partidas, follas secas…) que funcionan como estruturante.

Unha vez instalado o composteiro, en primeiro lugar hai que poñer unha base ou cama de material de tipo leñoso e seco (estruturante) duns 10 centímetros de alto no fondo. A súa función será a de facilitar a aireación e a entrada de microorganismos.

A continuación vaise introducindo o resto do material en función das necesidades. É aconsellable, cada vez que se aporta material fresco, engadir material seco para manter a humidade e permitir a circulación de aire no composteiro.

Cada vez que se aporte novo material é preciso remexer, mesturar coa capa de material inmediatamente inferior e tapar despois con estruturante. Aconséllanse remexidos profundos como mínimo cada dúas ou tres semanas para homoxeneizar o material e previr posibles problemas en partes fondas.

É preciso comprobar a humidade do material cando se fagan os volteos profundos, e regar ou engadir material seco en función das necesidades.

Apoio técnico

O Plan Revitaliza está baseado nos mellores coñecementos e técnicas dispoñibles e nun sistema estruturado de controis esixentes para garantir que a compostaxe se realiza con todas as garantías.

A Deputación pon a disposición da cidadanía un plantel profesional que presta soporte técnico: as mestras e mestres composteiros. Estes son especialistas que coordinan ao persoal de base dos concellos ou doutras entidades colaboradoras para xestionar a compostaxe en composteiros individuais e atenden calquera incidencia que se presente.

Se tés calquera dúbida sobre compostaxe, ponte en contacto co mestre ou mestra composteira do teu concello. Podes tamén enviar un correo electrónico a revitaliza@revitaliza.gal ou chamar ao teléfono 886 210 600.