Compostaxe

Que é?

A compostaxe é a maneira de converter os biorresiduos –que supoñen o 53% da bolsa do lixo municipal- nun produto fertilizante. Consiste nun proceso aerobio (con aire) e termófilo (con aumento de temperatura) no que están implicados organismos e microorganismos descompoñedores naturais e no que é necesario misturar residuos de cociña e xardín con restos leñosos e secos de podas, serraduras e follas, para producir unha emenda de elevada calidade: o compost. Por cada 100 quilos de materia orgánica obtéñense uns dez quilos de compost peneirado.

No Plan Revitaliza da Deputación apóstase pola compostaxe como modelo de xestión global, tratando os residuos orgánicos onde se producen (‘quilómetro cero') a través de centros de autocompostaxe comunitaria, de autocompostaxe individual e plantas comarcais.

Vantaxes da compostaxe

Nin vertedoiros nin incineración

Nin vertedoiros nin incineración

O lixo orgánico trátase onde se produce (‘quilómetro cero') e non precisa ser depositado nun vertedoiro nin incinerado en plantas específicas.

Aforro na recollida do lixo

Aforro na recollida do lixo

Non é preciso recoller e transportar os residuos orgánicos e, polo tanto, elimínase este custe.

Aforro no tratamento

Aforro no tratamento

A compostaxe a través de autocompostaxe en centros comunitarios, autocompostaxe individual e plantas comarcais é un modelo máis económico que os actuais se se aplica de xeito global.

Redución de emisións de CO2

Redución de emisións de CO2

Ao non trasladar e non incinerar o lixo orgánico, cada cidadán que composta deixa de emitir á atmosfera uns 155 quilos de CO2 ao ano.

Fertilizante natural

Fertilizante natural

Compostar o lixo orgánico municipal ten como resultado a produción de compost, que pode ser utilizado para mellorar a terra e evita o gasto en fertilizantes químicos.

Mellor reciclaxe

Mellor reciclaxe

A veciñanza que participa nas campañas de reciclaxe e separa correctamente a parte orgánica mellora tamén as ratios de separación de envases, cartón e vidro.

Materiais a compostar

Pódese compostar:

Da cociña (cociñados ou sen cociñar):
  • Froita e verdura
  • Arroces e pastas
  • Carne e peixe
  • Pan e ovos
  • Iogures
  • Pousos e filtros de café
  • Restos e bolsas de infusións (sen grapas)
  • Panos e papel de cociña sen tinturas
Do xardín:
  • Follas, flores e plantas verdes ou secas
  • Herba
  • Restos de poda triturados
  • Cinza e serrín de madeira natural
  • Restos da colleita da horta
  • Froita caída
  • Palla

Non se poden compostar:

  • Cinza de carbón ou madeiras tratadas
  • Cueiros desbotables
  • Revistas ou papel impreso a cor
  • Restos de aspiradora ou de barrer
  • Filtros de cigarros
  • Tecidos sintéticos
  • Calquera material non orgánico e biodegradable

O Estruturante

No proceso da compostaxe precísanse materiais vexetais secos, preferentemente leñosos, triturados ou partidos, que se deben misturar cos biorresiduos húmidos -restos de comida e vexetais verdes- para conseguir o compost final.

Os materiais secos, moi ricos en carbono, denomínanse estruturante posto que a súa principal función é a de dar ‘estrutura' ao material a compostar: permiten que se airee e compensan a humidade.

Como estruturante pódense utilizar restos de poda triturada, follas secas, serraduras, labra de madeira natural, palla ou herba seca.

Se dispós dunha horta ou xardín podes aproveitar as túas podas e follas secas. Se non tes estes materiais -ou non son suficientes- debes poñerte en contacto co teu concello ou co teu mestre ou mestra composteira para que chos facilite.

Lembra que aportar estruturante é unha das reglas básicas para compostar correctamente.

Fases da compostaxe

Fase 1

Fase 1

Os restos de comida e vexetais xunto co estruturante que se introduciron no composteiro individual ou comunitario comezan a degradarse por parte das bacterias. Comézase a quentar a pila de material e a emanar vapor de auga pola parte superior.

Fase 2

Fase 2

Tras as primeiras bacterias aparecen outros organismos que actúan a temperaturas aínda maiores producindo unha degradación máis rápida e garantindo a hixienización e eliminación de posibles patóxenos. Pasada entre unha semana e dous meses diminúe a actividade biolóxica e estabilízase a materia.

Fase 3

Fase 3

A materia entra nun período de fermentación lenta que pode durar varios meses. A temperatura da pila vaise reducindo e comezan a traballar microorganismos que axudan á degradación das partes menos biodegradables. Ao final da maduración obtense o compost.

Problemas e solucións

A materia está moi seca: mesturar con restos de cociña e remexer, ou regar lixeiramente e remexer

A materia está moi húmida: remexer e, se non funciona, engadir estruturante e remexer

Hai moitas moscas da froita: remexer e tapar con estruturante

Cheira a amoníaco: remexer e tapar co estruturante

Cheira a podre remexer e, se non funciona, engadir estruturante e remexer.

Outras experiencias

Avicompostaxe

A Deputación de Pontevedra está a traballar na instalación de compogaliñeiros vencellados con hortas urbanas ou parques públicos. O procedemento e características da compostaxe feita con galiñas ( avicompostaxe) consta dun galiñeiro cunha parte aberta para ter as galiñas soltas e outra pechada na que hai tres módulos de compostaxe.

O primeiro módulo é no que a veciñanza deposita o lixo orgánico e no que se aporta o estruturante: as galiñas exercen de axitadoras, volteadoras e osixenadoras de forma natural.

O segundo módulo compostador é ao que se debe transferir o material unha vez que o primeiro módulo está cheo. Debe estar pechado e tapado para non permitir o acceso dos animais coa finalidade de que continúe o proceso de compostaxe sen contaminación microbiolóxica algunha.

No terceiro módulo o material é tratado con vermes, promovendo a colonización da mistura dos residuos e o estruturante para a súa última transformación e a maduración definitiva.

Vermicompostaxe

A vermicompostaxe é o proceso de descomposición da materia orgánica realizado pola actividade de certas especies de lombrigas, principalmente as do xénero Eisenia. Pode desenvolverse en calquera residencia particular ou centro de compostaxe comunitario, utilizando os residuos orgánicos xerados na contorna doméstica.

As lombrigas, a través dos tubos dixestivos, traballan coa acción combinada de microorganismos que transforman a materia orgánica nun produto chamado vermicompost ou humus. Este compost ten unha moi boa estrutura e un grande contido de nutrintes.

Algúns centros de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza están a ser inoculados con lombrigas e vermes de xeito totalmente controlado polas mestras e mestres composteiros para mellorar aínda máis a calidade do compost.